O 061 de Galicia asistiu 77 persoas por 62 accidentes de circulación durante a Semana Santa

A Estrada (Pontevedra), 19 de abril de 2022.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa 77 persoas debido a 62 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do mércores, 13 de abril, ata as 23,59 horas do domingo, 17 de abril. O venres foi o día que rexistrou máis sinistros, con 20 accidentes de tráfico.

 

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 76 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 62 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 77 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 56% e do 44% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 37% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

 

Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 25 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 
Provincia
Accidentes
A Coruña
25
Lugo
8
Ourense
6
Pontevedra
23
Galicia
62
 

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 75. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en oito accidentes, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 61 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes.

 

En 64 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en   13 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade