O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado da Xunta, Gabriel Alén, visitou hoxe na localidade de Ourense esta iniciativa pioneira da Xunta de Galicia

O autobús de Coidados Porta a Porta chega a Castrelo de Miño para ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria aos maiores

Estará durante tres días atendendo de xeito gratuíto ás persoas maiores de 55 anos

Esta semana tamén pasará polo concello da Arnoia na provincia de Ourense, Miño e Pontedeume na da Coruña, Alfoz e Mondoñedo na de Lugo, e Tui e Salceda de Caselas na de Pontevedra

Nos primeiros 15 días do programa xa se atendeu a máis de 850 persoas en 16 localizacións diferentes

Castrelo de Miño (Ourense), 16 de abril de 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado do delegado da Xunta, Gabriel Alén, visitou esta mañá en Castrelo de Miño o autobús de Coidados Porta a Porta, que está a ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores da localidade de xeito gratuíto.

 

Fernando González Abeijón sinalou que nos primeiros 15 días do programa Coidados Porta a Porta, posto en marcha pola Consellería de Política Social, atendeu a máis de 850 persoas en 16 localizacións diferentes.

 

Ademais de Castrelo de Miño, o autobús pasará esta semana polo concello da Arnoia na provincia de Ourense, Miño e Pontedeume na da Coruña, Alfoz e Mondoñedo na de Lugo, e Tui e Salceda de Caselas na de Pontevedra. En cada un destes concellos estará tres días ofrecendo servizos destinados aos maiores de 55 anos. Pódese ver o calendario do programa na páxina web da Consellería de Política Social. Para acudir é necesario solicitar cita previa no teléfono 622 748 283 ou no correo electrónico coidadosportaporta.politicasocial@xunta.gal.

 

A Xunta de Galicia investirá 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permitirá achegar a todos os galegos revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

 
 

Imaxes relacionadas