O VIII Plan Estratéxico para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes reforzará o papel da educación fronte á violencia de xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Coruña na entrega dos II Premios Valedora aos mellores traballos fin de Grao e fin de Mestría centrados nos dereitos das mulleres

Puxo en valor o rol da universidade no fomento da reflexión acerca das desigualdades entre mulleres e homes e no avance de medidas para a súa erradicación

Lorenzana defendeu o valor da coeducación para romper cos estereotipos de xénero

A Coruña, 18 de abril de 2022

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na entrega dos II Premios Valedora cos que esta institución, en colaboración coas universidades galegas, recoñeceu os mellores traballos fin de Grao e de Mestría en materia de igualdade e dereitos das mulleres. Lorenzana avanzou que o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, que a Xunta está a piques de rematar, afondará na coeducación e no papel das universidades para acabar cos estereotipos e reforzar a loita contra a violencia de xénero desde as aulas.

A conselleira aproveitou a súa presenza na entrega de premios, para poñer en valor esta iniciativa, como exemplo do rol que os entes académicos desenvolven “como núcleo do labor investigador e divulgativo da nosa sociedade” e pola súa contribución a “fomentar a reflexión e o estudo sobre as desigualdades entre mulleres e homes para avanzar en novas medidas para a súa erradicación definitiva”.

“Seguiremos por este camiño, con plans de accións tan ambiciosos que nos impliquen a todas e todos como o VIII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para o próximo quinquenio”, especificou a conselleira, quen avanzou que o documento que elabora o seu departamento está a piques de rematarse e que incidirá “na eliminación dos estereotipos e roles que afianzan as desigualdades de xénero, cun foco posto na esfera educativa como ámbito clave na promoción de valores de equidade e igualdade, e reforzando o compromiso na prevención da violencia de xénero desde a infancia ata a Universidade”.

Para Lorenzana, “coeducar supón un proceso de transformación social e unha das ferramentas máis útiles para poder acabar coa desigualdade do noso día a día, mudando progresivamente a realidade a unha mellor versión de si mesma”. Segundo destacou no acto -ante a presenza da valedora do pobo, dos reitores da Coruña e Santiago e das tres estudantes premiadas- a escola e a Universidade “son unha plataforma excelente para a superación dos prexuízos e clixés sexistas, para forxar unha mentalidade crítica con perspectiva de xénero na nosa mocidade, para provocar un cambio en profundidade das estruturas e das prácticas socioculturais, para facer cambalear os cimentos inaxeitados da nosa sociedade e alumear o camiño cara onde debemos dirixirnos”.

Conciencia crítica

A Xunta está a asentar un modelo baseado na igualdade de oportunidades que cre no fomento dunha conciencia crítica para erguerse contra as accións discriminatorias, para poder lograr unha igualdade real, efectiva e que dure no tempo. Neste camiño, dixo a conselleira de Emprego e Igualdade, “a escola, e tamén a universidade, ten un labor social inherente ao formativo ou académico: preparar ás novas xeracións para á vida en sociedade coa aspiración de que sexan capaces de dar resposta aos desafíos que temos aínda por diante, e melloren o futuro dos que cedemos o testigo”.

Desde un plano más global, incidiu Lorenzana, as institucións tamén traballan pola mesma finalidade que os traballos académicos hoxe premiados, para crear un marco que facilite o desenvolvemento de actuacións respecto do fomento da igualdade. Lembrou, neste sentido, as liñas de traballo conxunto que o seu departamento mantén coas tres universidades galegas, coa finalidade de loitar contra a desigualdade e a violencia de xénero nas aulas; e o contacto fluído coa Valedora do Pobo, con idéntico propósito.
 

Imaxes relacionadas