A Xunta louva o gran traballo do sector turístico galego nunha Semana Santa que remata cunha ocupación media por riba do 80%

As reservas de última hora e o bo tempo animaron a viaxeiros que escolleron Galicia como destino, o que permitiu rematar a Semana Santa cunha ocupación superior ás previsións establecidas polo sector

O Camiño de Santiago e a celebración do Xacobeo xogaron un papel crucial nos bos resultados acadados, cunha media de chegada de máis de 2200 peregrinos diarios entre o Xoves e o Domingo de Pascua
 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022

O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa por riba do 80%. No caso de destinos turísticos como Ferrol, Ourense Santiago de Compostela, a Mariña lucense ou Ribeira Sacra a ocupación foi incluso maior, situándose entre o 90% e o 100% nalgúns casos.

Desde o Goberno galego púxose en valor o gran traballo do sector turístico e a elección do viaxeiro, maioritariamente de orixe nacional e de proximidade, que soubo ver en Galicia o destino ideal para esta Semana Santa. O Camiño de Santiago no marco da celebración deste Xacobeo 21-22 xogou un papel fundamental neste bo comportamento na chegada de viaxeiros, acadando unha media de máis de 2.200 peregrinos diarios durante os días festivos, o que se traduciu na chegada de máis de 8.700 peregrinos entre o Xoves Santo e o Domingo de Pascua.

Ocupación por provincias

Por provincias e territorios, destacou o bo comportamento da provincia da Coruña, onde Santiago e a Coruña cumpriron expectativas de ocupación, situadas arredor do 80% que foron dun 90% en Ferrol durante os días grandes mentres que a Costa da Morte a ocupación foi arredor do 60%.

Na provincia de Pontevedra, Sanxenxo tamén marcou unha media de ocupación do 80% das súas prazas hoteleiras, que incluso rondou o 90% nos hoteis de máis categoría. En Vigo a ocupación quedou arredor do 70% mentres que na provincia de Lugo foi a Mariña lucense a que acadou as mellores cifras de ocupación, cun 75%, xunto á Ribeira Sacra en que a ocupación estivo arredor do 80%, con cifras incluso superiores nos establecementos de turismo rural.

Finalmente a provincia de Ourense non quedou atrás, marcando unha ocupación de xoves a domingo arredor do 80%. En termos xerais cumpre destacar que os establecementos turísticos con maior categoría e os rurais foron as tipoloxías reguladas que marcaron os mellores resultados de ocupación na que foi a primeira Semana Santa sen apenas restricións e na que os viaxeiros amosaron non só gana de viaxar se non que tamén se decantaron por destinos turísticos de calidade e seguros como é o destino Galicia.

Imaxes relacionadas