A Xunta reforza desde mañá os servizos de autobús ao IES de Brión cunha nova parada no centro educativo

Na liña de Santiago á Gándara que sae de Compostela ás 07,45 horas introdúcese unha parada no instituto en época lectiva, con chegada ao centro ás 08,15 horas, dez minutos antes do comezo das clases

Atendendo á petición da comunidade escolar tamén se retrasa a saída da liña entre Santiago de Compostela e Negreira das 7,15 ás 7,25 horas

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022.- A Xunta activará mañá martes, día 19 de abril, un reforzo dos servizos de autobús ao IES de Brión, introducindo unha nova parada no centro educativo.

 

Así, na actual liña de Santiago á Gándara, que sae de Compostela ás 07,45 horas introdúcese unha nova parada no instituto en época lectiva, con chegada ao centro ás 08,15 horas, dez minutos antes do comezo das clases.


Ademais, a Xunta tamén retrasará a saída da liña entre Santiago de Compostela a Negreira das 7,15 ás 7,25 horas, para ofrecer un mellor servizo aos estudantes do centro educativo.

 

Con estas melloras no servizo, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende a solicitude trasladada pola ANPA do IES de Brión para favorecer, principalmente, os desprazamentos do alumnado que procede de núcleos de poboación de fóra do termo municipal, tendo en conta que este centro educativo imparte estudos de ESO, Bacharelato e FP.

 

Aínda que o impacto da nova parada que se introduce na liña de Santiago á Gándara na duración da viaxe é mínimo, fóra da época lectiva o servizo manterase como ata o de agora, adecuándose ás necesidades de cada tempada.

 

As actuacións deseñadas dan resposta ás necesidades de desprazamento comunicadas á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e enmárcanse no traballo continuo da Xunta por ofrecer máis e mellores servizos de transporte público por estrada aos cidadáns.

 

A información relativa aos reforzos e cambios nos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.