A Xunta promocionará os produtos do agro e do mar con selo de calidade na XXXV edición da feira Gourmets de Madrid

O conselleiro do Medio Rural participará o próximo luns 25 de abril na inauguración do evento, onde 29 empresas do agro da comunidade compartirán espazo de exposición co Goberno galego

Haberá unha aula de experiencias de calidade, onde se levarán a cabo diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustación de produtos galegos

A Consellería do Mar estará presente na feira cun posto que albergará a 18 entidades coexpositoras da cadea mar-industria, no que se realizarán degustacións de receitas elaboradas con produtos do mar e que está previsto que visite a titular de Mar
 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022

A Xunta promocionará os produtos galegos de calidade do agro e do mar na XXXV edición da feira Gourmets, que se celebrará do 25 ao 28 de abril en Madrid. En total serán 47 empresas e entidades galegas as que participen baixo o paraugas da Xunta, co fin de promocionar os seus produtos e abrir novos mercados a nivel nacional e internacional.

O conselleiro do Medio Rural, José González, participará o vindeiro luns 25 na inauguración deste evento, co fin de apoiar coa súa presenza ás empresas participantes. Así, o posto que leva a Consellería do Medio Rural estará composto por dúas illas que ocuparán unha superficie total de 414 metros cadrados, onde se albergarán un total de 29 empresas do sector agrario. Nunha desas illas estarán 14 coexpositores do sector alimentario en xeral e, na outra illa, irán 15 adegas e coexpositores doutras bebidas.

Ademais, neste posto tamén haberá espazo para unha aula de experiencias de calidade, onde se levarán a cabo diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustación de produtos galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira. Tamén se celebrará un túnel do viño e do queixo, así como unha acción de promoción da indicación xeográfica protexida Vacún de Galicia con nenos de diversos colexios de Madrid.

Pola súa parte, a Consellería do Mar estará presente na feira cun posto de 490 metros cadrados que albergará a 18 entidades coexpositoras da cadea mar-industria e contará cunha aula na que se realizarán diversas degustacións de produtos do mar amparados co selo pescadeRías e conservas de peixes e mariscos. Ademais está previsto que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visite a feira.

Gourmets 2022

O Salón Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía. Esta edición contará con máis de 1.500 empresas expositoras que promocionarán máis de 37.500 produtos e 8.000 compradores estranxeiros de 65 países. Con máis de 800 actividades programadas, agárdase a chegada de máis de 75.000 visitantes a este espazo de 45.000 m².