A Xunta inicia esta semana os talleres da segunda fase do proceso participativo para a elaboración do Plan integral de recuperación da área suroriental de Ourense

En total, haberá talleres en cada un dos 10 concellos implicados para priorizar e recoller máis propostas de dinamización do territorio, sendo os primeiros os previstos os días 20, 21 e 22 de abril en Verín, Monterrei e Oímbra respectivamente

Tamén se celebrarán cinco mesas temáticas, das que xa tivo lugar a primeira -centrada no turismo- en Verín

Este plan contempla un orzamento de 140.000 euros, que estarán financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Turismo de Galicia, a Deputación de Ourense e a Fundación Juana de Vega

Desenvolverase a través dun convenio entre a Vicepresidencia Primeira, a Consellería do Medio Rural, a Deputación de Ourense e os municipios de Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, Laza, Castrelo do Val, Vilardevós, Riós, A Gudiña e A Mezquita
 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022

A Xunta inicia esta semana os talleres da segunda fase do proceso de participación pública para a elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense. O obxectivo é valorar a relevancia do recollido na primeira fase do proceso e deseñar novas propostas de dinamización para os sectores que conforman o Plan integral (agrogandeiro, forestal, turístico e patrimonial), facendo fincapé na identificación de terras que poidan ser postas en valor mediante algunhas das figuras que recolle a Lei de recuperación da terra agraria.

Así, desenvolveranse talleres participativos en cada un dos 10 concellos involucrados no proxecto, en horario de 18,00 a 20,00 horas. Os primeiros son os previstos este mércores 20 de abril na Casa da Cultura de Verín, o xoves 21 na Casa da Cultura de Monterrei e o venres 22 na Casa do Concello de Oímbra. Aínda neste mes, seguiraos o taller da Aula arqueolóxica Antonio Rodríguez Colmenero, en Cualedro, o xoves 28.

O resto dos talleres participativos están programados para maio. En concreto, o mércores 4 celebrarase un no Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, o xoves 5 o da Casa do Concello de Castrelo do Val e o venres 6 o da casa consistorial de Laza. Xa a seguinte semana, está previsto un taller na Casa da Cultura de Vilardevós o mércores 11, o xoves 12 outro no edificio multiusos da Gudiña e, por último, o da Mezquita será no seu edificio multiusos o venres 13 de maio.

A maiores dos talleres, cómpre lembrar que nesta segunda fase do proceso participativo de elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense se levarán a cabo cinco mesas temáticas, das que xa se celebrou a primeira -centrada no turismo, o patrimonio e o viñedo- en Verín. O resto abordarán outros aspectos de relevancia como o sector agrogandeiro, o sector forestal, a cooperación territorial con Portugal e os núcleos rurais.
Cabe engadir que esta etapa da iniciativa sucede á primeira fase de entrevistas e acompañamentos para a elaboración do Plan, na que participaron un total de 78 persoas e entidades.

O Plan

O obxectivo fundamental do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense é a elaboración dunha folla de ruta estratéxica para o desenvolvemento sustentable do territorio, que actuará como un modelo de xestión integrada. Deste xeito, perséguense solucións de sustentabilidade, tanto ambiental como económica, para a mellora da resiliencia do territorio fronte ao lume, así como para a dinamización turística do territorio atendendo aos seus valores patrimoniais, naturais e paisaxísticos.

Cómpre lembrar que este plan estase a elaborar a través dun convenio -dotado con 140.000 euros- entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería do Medio Rural, a Deputación de Ourense e os 10 municipios mencionados. Parte da iniciativa desenvolverase ao abeiro da Lei de recuperación da terra, que contempla numerosas actuacións para fixar poboación neste territorio e para fomentar a súa dinamización.