O Hub Audiovisual da Xunta ‘Mapea’ o sector galego dos videoxogos para impulsar á súa vertebración

Os datos desta medición permitirán obter unha diagnose actual cara a planificación estratéxica de políticas de apoio ás empresas, estudos e profesionais que traballan neste ámbito en Galicia

O Goberno galego destina un investimento dun millón de euros a este sector a través do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, que inclúe como principais medidas unha aceleradora empresarial e subvencións ao desenvolvemento de proxectos

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2022.-

A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha un mapeo do sector galego dos videoxogos co obxectivo de contribuír á súa vertebración como parte das iniciativas do Hub Audiovisual da Industria Cultural. Os datos desta medición permitirán obter unha diagnose da situación actual das empresas, estudos independentes e profesionais que operan neste ámbito en Galicia cara a unha planificación estratéxica das políticas públicas de apoio.

 

A realización deste estudo forma parte do paquete de medidas dirixidas a impulsar a estruturación e a competitividade deste sector no marco do Hub Audiovisual, programa extraordinario do Goberno autonómico para o trienio 2021-2023, que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais galegas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.

 

En concreto, as compañías e profesionais galegos dos videoxogos serán destinatarios dun investimento dun millón de euros a través de accións como a recente posta en marcha do polo de aceleración cun orzamento de 360.000 euros ou o fondo de axudas para o desenvolvemento de proxectos dotado con 500.000 euros. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade e videoxogo.gal, a asociación galega de videoxogos e contidos interactivos, están a colaborar estreitamente no deseño das diferentes iniciativas, que se complementan coa posta en marcha dun mapeo para identificar as principais empresas e proxectos, así como súa capacidade de xeración de emprego, entre outros aspectos.

 

As entrevistas directas serán o principal instrumento desta medición, que se levará a cabo tanto entre empresas e estudos dedicados ao desenvolvemento de videoxogos como entre os que se centran no sector dos e-sports. O seu enfoque aposta por achegar unha visión global, que ademais de datos cuantitativos referidos ao reconto, localización ou cifras de facturación, reflicta datos cualitativos (perfís profesionais, nivel de formación e experiencia, fontes de financiamento, presenta de mulleres nos equipos, uso da lingua galega, etc) que certifiquen o potencial deste sector en Galicia e permitan identificar aspectos susceptibles de desenvolvemento e/ou mellora.