A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta semana co alcalde para abordar varios asuntos de interese municipal

A Xunta anima ao concello da Baña a aproveitar as axudas autonómicas para financiar actuacións en materia de biorresiduos

    O Goberno local solicitou este ano preto de 24.000 € para impulsar dous proxectos de mellora da recollida separada da materia orgánica e fomento da compostaxe

    Ángeles Vázquez avanza que, unha vez pechado o prazo de solicitudes, a Consellería está analizando agora todos os expedientes antes de resolver a convocatoria

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2022.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou esta semana ao alcalde da Baña, José Andrés García, a aproveitar as axudas do seu departamento dirixidas ás entidades locais para avanzar na implantación do chamado quinto contedor, é dicir, o destinado á recollida separada dos biorresiduos domésticos.

 

No transcurso dunha xuntanza na que abordaron diversos asuntos de interese municipal, a responsable autonómica lembrou que se ben a xestión do lixo é unha competencia exclusiva dos concellos, a Xunta quere axudalos a cumprir coas súas obrigas legais, tendo en conta que deberán ter implantada a recollida selectiva dos residuos orgánicos antes do 31 de decembro de 2023, segundo marca a Unión Europea.

 

Neste sentido, o rexedor trasladoulle que o Concello da Baña presentou dous proxectos —por un importe global de preto de 24.000 euros que suporá o 50% do seu custo estimado— á orde de axudas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, convocada pola Consellería o pasado mes de decembro cun orzamento de 13,5 millóns de eurios.

 

En concreto, explicou que unha das actuacións propostas polo Goberno local enmárcase na liña reservada a proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada dos biorresiduos e inclúe a adquisición dunha biotrituradora para tratar os restos de podas e limpezas vexetais, bolsas compostables e caldeiros específicos, de uso individual e para grandes produtores, ademais dunha campaña de divulgación.

 

A segunda iniciativa, explicou, ten como obxectivo a separación e a reciclaxe en orixe da fracción orgánica mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria. A tal fin, a solicitude inclúe actuacións de formación, difusión e seguimento do proxecto, a compra e instalación de composteiros individuais e comunitarios así como a construción de áreas destinadas a albergar estas instalacións.

 

Tras felicitar ao concello polo compromiso demostrado para seguir mellorando a xestión dos residuos de orixe doméstica no municipio e, máis concretamente, da fracción orgánica, Ángeles Vázquez lembrou que o prazo para que os concellos puideran acollerse ás axudas para actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal rematou o 31 de xaneiro.

 

Así, estes momentos, a Consellería está a analizar todas as solicitudes recibidas e requirindo documentación complementaria, de ser o caso, como paso previo á resolución da convocatoria coa concesión das axudas, que se producirá nas vindeiras semanas.

 

Imaxes relacionadas