A Xunta adxudica por 357.000 € as obras de humanización do núcleo de San Pedro, en Quintela de Leirado

    O obxectivo é introducir melloras bioclimáticas e de aproveitamento dos recursos hídricos a través de medidas como a recondución das augas, o soterramento das liñas eléctricas e telefónicas ou a pavimentación do espazo con materias tradicionais

    O Goberno galego achegará o 70% do custo da actuación e o Concello o 30% restante

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por case 357.000 euros e cun prazo de execución de nove meses as obras para acometer a humanización do lugar de San Pedro de Leirado, unha das zonas máis frecuentadas do concello de Quintela de Leirado xa que na súa contorna se localizan a Casa Consistorial, o centro de saúde ou a igrexa parroquial.

 

En concreto, a actuación ten como premisas básicas a aposta pola accesibilidade e a eficiencia enerxética e servirá para introducir melloras bioclimáticas e de aproveitamento dos recursos hídricos no núcleo, un obxectivo para o que se prevén medidas como a recondución das augas, o soterramento das liñas de luz ou de telefonía e a pavimentación do espazo público con lastro e enlousado de pedra morena e formigón desactivado.

Segundo consta no proxecto, a intervención prevista no núcleo de San Pedro intégrase perfectamente na contorna mediante unha serie de actuacións puntuais —entre outras, o soterramento das instalacións aéreas, a camuflaxe dos contedores de lixo, a substitución de mobiliario e unha iluminación acorde coa contorna patrimonial— que teñen como finalidade lograr a mellora integral da área así como dos espazos públicos comúns.

 

Para humanizar este ámbito —que ocupa unha parcela cunha superficie de 5.074 metros cadrados— apostarase tamén por mobiliario integrado co entorno e pola utilización de vexetación que contribúa a reducir a dureza do lugar. Así mesmo, ese afán integrador reflectirase no uso de materiais tradicionais como son a pedra, a madeira de piñeiro de Galicia termotratado ou o formigón desactivado.

 

Por último, entre as actuacións concretas máis salientables a executar, cómpre mencionar que se liberará o muro que delimita o adro da igrexa de San Pedro xerando un foxo rebaixado para resaltalo e un apantallamento da visión das vivendas con vexetación e arbustos, e tamén se retirará o cabaceiro existente na contorna do edificio parroquial.

 
Convenio asinado en decembro

Cómpre lembrar que esta obra se executará ao abeiro do convenio de colaboración asinado en decembro entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Quintela de Leirado, en virtude do cal ambas administracións se comprometeron a asumir, respectivamente, o 70% e o 30% do custo da actuación.

 

Ademais, o proxecto encaixa perfectamente nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de axudar ás entidades locais na execución de actuacións urbanísticas para crear, mellorar e humanizar infraestruturas de uso público e colectivo e que este ano disporá dun orzamento de 7 millóns de euros.

Imaxes relacionadas