A Xunta pon en valor a progresiva recuperación da chegada de grupos de peregrinos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu a case medio cento de peregrinos vinculados á Federación de Casas Rexionais en Navarra

No que vai de ano seláronse case 25.400 Compostelas superando xa a cifra prevista para o remate desta Semana Santa

 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2022.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu esta mañá a un grupo de 44 persoas procedentes da Federación de Casas Rexionais en Navarra, formado por participantes de Casas Rexionais de Aragón, Castela e León, Cantabria e Comunidade Valenciana en Navarra, así como do Hogar Extremeño de Pamplona, Centro Cultural Extremeño en Alsasua e Lar Gallego en Pamplona.

Á chegada á praza do Obradoiro, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na relevancia dos peregrinos procedentes de Navarra, con case 1.200 peregrinos no ano 2019 e máis dun cento no que vai de ano, sumando os que chegaron hoxe neste grupo. Nesta liña, puxo en valor a recuperación dos viaxes en grupo, o que deixa patente os resultados do reforzo da mensaxe de Galicia como destino seguro e o interese polo noso patrimonio.

Ademais, o Camiño de Santiago está a superar as expectativas e no que vai de ano case  25.400 peregrinos xa selaron a súa Compostela, polo que xa se acadaron as 25.000 previstas para o remate desta Semana Santa. Trátase da cifra máis elevada na historia do Camiño e do Xacobeo, case un 30%  por riba dos máis de 20.000 peregrinos rexistrados no mesmo período tanto no ano récord de 2019 como no anterior Ano Santo de 2010.

Nesta primeira metade do mes de abril chegaron a Santiago máis de 14.300 peregrinos, isto é, case o 60% das credenciais obtidas no que vai de 2022 e tamén con máximo histórico. Destacan as máis de 2.500 Compostelas seladas onte e as 2.000 do xoves.