Xunta e Concello de Coirós repararán a cuberta e as fachadas do centro de saúde de Figueiras

O conselleiro de Sanidade e o alcalde de Coirós veñen de asinar un convenio que destinará máis de 20.000 euros a acometer esta mellora, financiada a partes iguais polo Sergas e o Concello

A Xunta destinou o ano pasado preto de 700.000 euros para cofinanciar 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2022.-

 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Coirós, Francisco Quintela Requeijo, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o financiamento de varias melloras no centro de saúde da localidade. No acto estiveron acompañados polo delegado Territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trénor e polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde.

Este acordo tramitouse a iniciativa do alcalde, que solicitou o ano pasado á área sanitaria da Coruña a revisión do estado do exterior do centro. O persoal técnico da área visitou o inmoble o pasado decembro elaborando unha memoria de actuacións. Segundo a dita memoria, as obras a executar terán un importe total de 20.823 euros, comprendendo a renovación da parte da cuberta aínda sen rehabilitar retellando a cuberta inclinada con placas de fibrocemento e tella cerámica de cor vermella.

Por outra banda, a obras de reforma incluirá tamén outras actuacións, a reparación e limpeza das fachadas exteriores e dos canais de recollida de augas pluviais, a pintura da varanda, a renovación do alumeado exterior ou a pintura dos teitos e paramentos verticais.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Coirós contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.

Colaboración da Xunta cos centros de saúde de titularidade municipal

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as catro obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra parte do gasto. En particular, na provincia da Coruña financiáronse actuacións nos centros de saúde dos concellos de Bergondo, Monfero, Pobra do Caramiñal ou Valdoviño.

A Xunta continúa así a colaborar cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para este ano a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2007 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia da Coruña ascendeu a 3,7 millóns de euros. Concretamente, o Concello de Coirós recibe 10.947 euros anuais para financiar o mantemento do seu centro de saúde.

En definitiva, a Xunta non só colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros senón que tamén coopera cofinanciando as actuacións cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes. 

Imaxes relacionadas