O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe coa alcaldesa, Patricia Domínguez, o acordo de incorporación a este servizo público

A Xunta estende o programa Xantar na casa ao concello da Pobra de Trives

Beneficiará inicialmente a 15 veciñas e veciñas do municipio ourensán, coa posibilidade de que sexan máis se existe unha demanda maior

Esta iniciativa garante unha alimentación saudable e equilibrada a maiores que viven sos, a persoas dependentes e a colectivos con escasos recursos económicos

Un total de 193 concellos están xa adheridos a este programa, que chega xa a máis de 1800 galegas e galegos

Pobra de Trives (Ourense), 15 de abril de 2022.-

A Xunta de Galicia suma o concello da Pobra de Trives ao programa de atención alimentaria a domicilio Xantar na casa. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa deste municipio ourensán, Patricia Domínguez, asinaron hoxe o convenio de incorporación a este servizo público, que inicialmente beneficiará a 15 veciñas e veciños da localidade, coa posibilidade de ampliar o número de persoas usuarias se é necesario.

Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo de Xantar na casa, que a Xunta desenvolve en colaboración coas entidades locais, “é garantir que calquera persoa maior que viva soa, ou que sexa dependente ou que dispoña de escasos recursos económicos, reciba unha alimentación equilibrada e adaptada ás súas necesidades”.

A comida repártese nas vivendas nunha única entrega para todos os días da semana, incluídos sábados, domingos e festivos; polo que soamente hai que quentala antes de consumila. Aos destinatarios tamén se lles facilitan os electrodomésticos que precisen no caso de que carezan deles, como neveira e microondas.

Contra a soidade non desexa


Xantar na casa tamén é un programa que complementa outras actuacións da Xunta para previr a soidade non desexada. Ademais de ofrecer menús sans, con esta medida é posible facer un seguimento de cada usuario para detectar calquera posible anomalía ou incidencia nos fogares; e así poder actuar con celeridade a través dos servizos sociais dos concellos.

 

Así mesmo, o Goberno galego está a introducir diversas novidades neste programa, como a posibilidade de instalar sensores que recollen información de cantas veces se abre ou peche a neveira e o tempo de uso do microondas, ou un botón de reforzo comunicacional que ten unha función preventiva ante emerxencias. Outra mellora que se está a inserir é a utilización de recipientes reciclables e compostables para a distribución dos alimentos.

 

Menús con prezos reducidos


Os servizos sociais municipais son os encargados de seleccionar as persoas beneficiarias. Pola súa banda, a Xunta financia o 50% do custe da comida, pola que os usuarios soamente pagan 1,76 euros por cada menú; mentres que outro tanto é asumido por cada concello.

 

Na actualidade, hai 193 concellos galegos adheridos ao Xantar na casa, co que se atende a máis de 1800 persoas. Na comarca da Terra de Trives, ademais da Pobra de Trives, forman parte deste programa Chandrexa de Queixa e Manzaneda.

Imaxes relacionadas