A Xunta censura os plans do Estado de trasladar a sede do Instituto Oceanográfico a dúas comunidades descartando Galicia malia o seu peso neste eido

O Executivo galego lamenta os bandazos dados pola Administración central na descentralización do organismo e rexeita o seu desmantelamento ao tempo que propón a posibilidade de cedelo á comunidade para manter a súa integridade

O Goberno autonómico censura os plans estatais de trasladar a outras dúas comunidades as sedes de pesqueiras e acuicultura do centro malia que a autonomía galega concentra un importante volume de actividade nestes dous eidos

A Xunta pide ao Executivo central que aclare as súas pretensións na reestruturación do ente público, proceda ao seu saneamento económico e reforce o seu labor e a súa estrutura organizativa

Galicia lembra que o IEO conta con máis de cen anos de historia e é un centro estratéxico no eido da investigación mariña, fundamental para o estudo das especies de interese para a frota pesqueira galega e española
 

 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022.- A Xunta lamenta os bandazos dados polo Goberno central na descentralización do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e defende o peso e o prestixio que ten Galicia neste eido como o maior aval para que a comunidade puidese ostentar a sede deste organismo dependente do Estado. Nesta liña, o Executivo galego censura os plans da Administración central -coñecidos a través dos medios de comunicación- de trasladar a outras dúas comunidades autónomas as sedes de pesqueiras e de acuicultura do IEO malia que Galicia conta con dous centros -Vigo e A Coruña- que concentran un importante volume de actividade nestas dúas materias e é tamén a comunidade cos sectores pesqueiro e acuícola máis importantes de España.

Neste sentido, a Xunta lamenta que o Goberno central obvie a capacidade e o gran labor desenvolvido polos profesionais do IEO en Galicia e que avance -unha vez consumada a súa integración no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)- no desmantelamento dun organismo fundamental para o estudo do medio mariño. O Executivo galego rexeita esa división en partes do centro e propón como alternativa a súa cesión á comunidade para velar pola súa integridade.

Ante esta situación, Galicia pide ao Executivo do Estado que aclare as súas pretensións en relación co Instituto Español de Oceanografía e que adopte as medidas necesarias para reforzar o seu traballo, proceder ao seu saneamento económico e mellorar a súa estrutura organizativa. Nese cometido, o Goberno galego ofrece toda a súa colaboración -como fixo desde o primeiro momento- co obxectivo de recuperar o IEO aportando o traballo técnico e científico dos organismos investigadores da comunidade.

A Xunta lembra que este ente público desenvolve un papel fundamental no estudo do medio mariño e que debe aplicarse toda a súa capacidade nese obxectivo, especialmente na análise das especies de interese para a frota pesqueira galega e española. Por iso, o IEO -que conta con máis de cen anos de historia- é un centro estratéxico no eido da investigación mariña e na defensa dos intereses da frota española ante as institucións europeas coa aportación de informes sobre o estado dos recursos.