A Xunta investirá preto de 855.000€ na sinalización e na divulgación das áreas de risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa
Trátase de reforzar a concienciación sobre o risco de asolagamentos na demarcación de competencia autonómica, incrementando o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos e a influencia das accións dos cidadáns
O contrato inclúe a instalación de paneis informativos en cada zona con risco de asolagamento
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, destinará un investimento de 853.708 euros a traballos de sinalización das áreas de risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa e á súa divulgación con accións formativas.
O obxectivo é reforzar a concienciación sobre o risco de asolagamentos na demarcación de competencia autonómica e, dun xeito específico, naquelas áreas de risco potencial significativo de inundación (ARPSIS), que presentan un maior risco e perigosidade.
Trátase de incrementar o coñecemento sobre o comportamento natural dos ríos e a influencia das accións dos cidadáns.
No marco desta iniciativa afondarase nos fenómenos das inundacións e as medidas para minimizar os seus danos grazas ao Plan de Xestión de Risco de Inundacións impulsado pola Xunta.
Para isto, levaranse a cabo unha campaña específica de sinalización destes puntos e tamén iniciativas de sensibilización dirixidas ao conxunto da cidadanía.
Neste sentido, instalaranse paneis informativos e divulgativos en cada zona inundable, sendo especificamente deseñados para cada área. Ademais, o contrato prevé unha campaña a través de redes sociais e páxinas webs, utilizando diversos recursos audiovisuais e infográficos.
Tamén se levarán a cabo accións de formación para escolares destas zonas con risco de inundacións. Así, impartiranse obradoiros en colexios e desenvolverase material didáctico específico para este fin.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galiciapublicou o pasado 8 de abril a licitación deste contrato de servizos, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 19 de maio. Esta actuación contará co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Plan de inundacións
Cómpre lembrar que a Xunta, a través de Augas de Galicia, redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e segue a avanzar no traballo do novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027.
En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e o propio Groba, en Baiona; así como no Lagares, en Vigo.
Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.