A Xunta asina os convenios coas entidades de asistencia aos trastornos adictivos cun importe de preto de sete millóns de euros

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, rubricou os acordos de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e nove asociacións sen ánimo de lucro, beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento destes programas

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou esta semana os convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e diferentes asociacións sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos. O importe total destes acordos ascenden a 6.829.628 euros, un 8% máis que o orzamento do ano pasado, que ascendeu a 6.327.706 euros.
O conselleiro estivo acompañado neste acto polo secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada, e polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas.
As entidades destinatarias destas axudas, cuxos responsables acudiron á sinatura dos convenios na Consellería de Sanidade, son a Asociación “As Burgas”, a Asociación Viguesa de Alcoholoxía “Asvidal”, a Asociación de Exalcohólicos de Ferrolterra, a Asociación Unidade de Tratamento do Alcoholismo e Conductas Aditivas “Utaca”, a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga “Aclad” da Coruña, a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga “Alborada” de Vigo, a Asociación Ferrolá de Drogodependencias “Asfredo”, a Cruz Vermella de Lugo, e a Fundación “Monte do Gozo”, para o desenvolvemento da asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e trastornos adictivos.
Estas nove asociacións desenvolverán programas de intervención de asistencia sanitaria e especializada, e de atención desde un enfoque biopsicosocial a persoas con trastornos relacionados coas drogas de uso ilícito, alcohol, tabaco, xogo e outros trastornos aditivos. O obxectivo é dar unha resposta integral a estes pacientes e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde. Nestas colaboracións destacan a particular importancia e interese público do establecemento de actuacións conxuntas en materia de asistencia aos trastornos aditivos en Galicia, para acadar o tratamento, a incorporación social e a recuperación destes pacientes.

A Xunta inviste este ano máis de 11,4 millóns de euros para tratar as adicións

O financiamento que a Xunta vai dedicar este ano á atención ás adicións dende equipos multidisciplinares e de 11.412.324 euros. Esta cantidade supón un incremento do 4,6% respecto ao orzamento de 2021 que foi de 10.908.747 euros.
Así, os convenios que se asinaron esta semana, veranse complementados proximamente coa sinatura doutros oito convenios con entidades para o desenvolvemento de programas de atención xurídico social a pacientes con trastornos adictivos, por valor de 309.806 €, o que supón un incremento con respecto ao ano pasado dun 3,58%, cando se invistiron 2021 299.112 euros.
Ademais, este mes de xaneiro publicouse a convocatoria de axudas ás entidades sen ánimo de lucro, para realizar programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias. Para o financiamento destas subvencións preveuse un crédito inicial de 250.000 €, o que supón un incremento dun 10% respecto á convocatoria do ano pasado.
Finalmente, a actuación da Xunta de Galicia para a atención a pacientes con trastornos adictivos, complétase coa colaboración cos concellos para soster as unidades de atención á drogodependencias, unha colaboración que neste ano 2022 superará por primeira vez os catro millóns de euros.

Imaxes relacionadas