A Xunta lanza unha nova edición do concurso Eduemprende Idea para fomentar o espírito empresarial entre o estudantado galego

Os galardóns diríxense ás persoas matriculadas nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia a convocatoria do concurso Eduemprende Idea 2022, unha iniciativa que busca potenciar a realización de proxectos empresariais polo alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño.

 

O certame, enmarcado no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia Eduemprende, conta coa participación da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 

O Plan de emprendemento ten como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa desta cultura emprendedora, e comprende actuacións de apoio ao alumnado con espíritu emprendedor, para a posta en marcha de proxectos viables e para a creación de ideas innovadoras de negocio, co fin de crear as condicións para que poidan prosperar as iniciativas de negocio e as capacidades emprendedoras en Galicia.

 

As persoas que desexen participar deberán achegar coa solicitude unha ficha das e dos integrantes do grupo (mínimo de 2 e máximo de 4), un proxecto de empresa e un resumo executivo do proxecto e un vídeo presentación do mesmo. Toda a información pode consultarse na páxina web dos premios, na que tamén se publicará a relación de persoas admitidas.

 

Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade, unha dirixida a ciclos de grao superior e outra a ciclos de grao medio. En calquera caso, nas dúas modalidades as ideas empresariais premiadas contarán coa posibilidade de incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no asesoramento técnico do Igape e nunha dotación económica de 3000 euros (1º premio), 2000 euros (2º premio) e 1000 euros (3º premio).

Imaxes relacionadas