A Xunta financia con 40.300 euros a incorporación de equipos para detectar perdas nas redes de abastecemento en 11 concellos lucenses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade desenvolve esta iniciativa no marco da normativa sobre medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca

Lugo, 14 de abril de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade concedeu achegas a 11 concellos lucenses para a adquisición e instalación de equipamentos de medida do caudal subministrado en alta por sistemas de abastecemento de auga potable de titularidade pública. O importe total da contía ascende a 40.300 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que esta iniciativa ten por obxectivo promover que as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación conten con contadores homologados que permitan detectar fugas de auga nas redes de abastecemento, de tal xeito que se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Os concellos beneficiarios na provincia de Lugo son os de Riotorto, Ribeira de Piquín, Portomarín, Pantón, O Incio, Bóveda, Carballedo, Xermade, O Páramo, Ribadeo e Sober. O importe das axudas alcanzou o 100 % do investimento da actuación proposta en cada caso. Ao respecto, establécense distintas contías segundo o volume de poboación, con máximos que oscilan entre os 3.000 euros para municipios de ata 2.000 habitantes e os 15.000 euros para entidades de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

 

O delegado de Lugo sinalou que esta iniciativa favorece a adaptación e cumprimento por parte dos concellos do recollido na Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca, que establece que os titulares das redes de abastecemento deben dispoñer de contadores homologados de medición de caudal de auga en todos os puntos de captación ou de subministración en alta e nos puntos de subministración final en alta ou en baixa, para detectar posibles fugas de auga en rede e facer un uso máis eficiente do recurso.