A Xunta recibe as ofertas de 11 empresas para executar as obras de dúas novas sendas en Montealegre e en Valdorregueiro, en Ourense, cun investimento de 1,6 M€

 O obxectivo é iniciar as obras no verán, para o que xa se está a avanzar nos trámites expropiatorios, e prevese que estean en servizo na primavera de 2023

Executaranse 2,2 km de itinerarios nas marxes das estradas OU-101 e OU-150 para favorecer a mobilidade dos veciños destes núcleos en condicións de seguridade, xa que actualmente nestes puntos as vías carecen dun espazo propio para o tránsito de peóns

As sendas serán de uso mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, terán ancho variable dun mínimo de 1,8 metros e estarán separadas da vía por distintos elementos

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022.- A Xunta recibiu un total de 11 ofertas de empresas para executar os itinerarios peonís e ciclistas en Montealegre e en Valdorregueiro, no concello de Ourense, que suporán un investimento autonómico de case 1,6 millóns de euros.

 

En total, habilitaranse 2,2 km de sendas nas marxes das estradas OU-101 e OU-150, en Montealegre e en Valdorregueiro co fin de favorecer a mobilidade a pé dos veciños en condicións de seguridade, xa que actualmente estas vías carecen dun espazo propio para o tránsito de peóns.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras no verán e está a avanzar, en paralelo, nos trámites expropiatorios. O obxectivo é ter rematadas as novas sendas na primavera do próximo ano, xa que os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses.

 

O acto expropiatorio de levantamento de actas xa se levou a cabo os días 16 e 17 de marzo, estando fixada a súa formalización para os vindeiros días 5 e 6 de maio. Os traballos contarán co cofinanciamento de fondos europeos React-UE.

 

Máis en detalle, a senda en Montealegre estenderase pola marxe dereita da OU-101, acadando algo máis de 1,2 km de lonxitude, dará continuidade a un treito de beirarrúa que xa hai e acabará no punto onde están a parada e a marquesiña do autobús.

 

A outra senda, na estrada OU-150, en Valdorregueiro, contará con case 1 km de lonxitude, comezando no cruce coa estrada N-525, descorrendo pola marxe dereita ata finalizar na ponte sobre o rego de Valdorregueiro.

 

En ambas as dúas actuacións, as sendas serán de uso mixto, peonil e para ciclistas non deportivos, terán ancho variable, garantindo un mínimo de 1,8 metros, e estarán separadas da vía por distintos elementos: vexetación máis bordo, de 1 metro de ancho, bordo de sinalización ou a combinación destes dous elementos. O bordo, ademais, irá sobreelevado uns centímetros sobre a vía para garantir unha mellor seguridade.

 

A execución das sendas complementaranse con outros traballos, como a construción de 9 muros de sostemento; a mellora da drenaxe e a preinstalación de canalizacións de servizos. Tamén se reforzará a sinalización e dotarase de sistemas de contención para vehículos e varandas de protección para os peóns, ademais de prever a adecuación das paradas de autobús.

 

A Xunta segue avanzando nas distintas tramitacións correspondentes para a materialización das actuación noutras 3 novas sendas no concello e Ourense: en Ponte Sevilla, A Rabaza e na avenida de Ponferrada, que suporán un investimento da Xunta de 1,8 M€.

 

Estes novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Ourense, que recolle un investimento de 7,1 M€ para a execución de 16 km de novas sendas.

 

Paralelamente, e no marco dos fondos europeos Next Generation de mobilidade, a Xunta tamén impulsa un itinerario peonil e ciclista de 5,2 km que conectará a cidade de Ourense de norte a sur a través da avenida das Caldas e O Barbaña, cun investimento de 4,5 M€.