A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal se comprometen a cofinanciar o proxecto

A Xunta e o Concello de Larouco investirán preto de 90.000 € na mellora do acceso ao núcleo de Seadur

A actuación urbanística prevista consistirá no acondicionamento das dúas rúas que comunican esta zona así como na mellora da seguridade no acceso ao local social

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022.-

A Xunta de Galicia e o Concello de Larouco colaborarán nunha actuación urbanística para mellorar o acceso ao núcleo de Seadur, un proxecto que requirirá dun investimento estimado de preto de 90.000 euros.

 

Así o comprometeron onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa Patricia Lamela mediante a sinatura dun convenio para levar a cabo o proxecto conxuntamente. En concreto, a Consellería achegará o 70% do custo da obra mentres que o 30% restante será asumido polo Goberno local.

 

Cun prazo de execución previsto de tres meses, o actuación urbanística terá un dobre obxectivo. Por unha banda, acondicionar as dúas rúas que dan acceso ao núcleo de Seadur para mellorar a entrada ao lugar e solucionar un problema de escorrentías procedentes dos viñedos, sobre todo durante o inverno; e por outra, facer máis segura a zona pola que se entra ao local social municipal, localizado neste mesmo ámbito.

 

No caso do viario que conecta desde o sur con Seadur, realizarase unha cuneta de formigón no lateral esquerdo de 1,30 metros e tamén se ampliará nuns 60 centímetros polo lado dereito. Ademais, reconstruirase en pedra o muro de contención da vía.

 

Na rúa de acceso a Seadur polo norte, onde está o local social, colocarase unha varanda de madeira para evitar caídas debido ao desnivel. Ademais, prevese ampliar o ancho da calzada, pavimentando para resolver as fochancas con dobre rego e selado de area.

 

Tal e como se recolle no propio convenio, a actuación proxectada en Seadur enmárcanse nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai 12 anos co fin de contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas e ao que ten reservado para este ano un orzamento de 7 millóns de euros.

 

Cómpre lembrar que esta é a segunda ocasión na que a Consellería colabora co Concello de Larouco a través do plan Hurbe, xa que no ano 2017 ambas administracións xa executaran un proxecto de humanización de rúas no mesmo núcleo de poboación.

Imaxes relacionadas