A Xunta recibe 6 ofertas para a rehabilitación e construción de dous inmobles en Ferrol Vello

O Instituto Galego da Vivenda e Solo lembra que solicitou hai máis dun ano, en marzo de 2021, a licenza de obra municipal para a reforma do inmoble da rúa Benito Vicetto 17 e a construción do edificio da rúa Castro 22-24

Ferrol Vello é un dos ámbitos incluídos na quinta convocatoria da oferta pública do programa Rexurbe para a adquisición de inmobles

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022.-

A Xunta recibiu un total de 6 ofertas para acometer as obras de rehabilitación e construción de dous edificios no barrio de Ferrol Vello, no marco do programa Rexurbe.

 

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) licitou en novembro, por máis de 875.000 euros, o contrato para a rehabilitación do inmoble localizado na rúa Benito Vicetto 17 e a construción dun edificio na rúa Castro 22-24, para a obtención dun total de 4 vivendas de promoción pública e 4 rochos.

 

Agora, tras a apertura do sobre administrativo (sobre A), a Xunta deberá convocar a data de apertura do sobre B, o que contén as ofertas económicas. A partir dese procedemento, o IGVS deberá valorar cada unha das ofertas, tanto a nivel económico como técnico, para determinar cal é a proposta adxudicataria en cada caso.

Cómpre salientar que Ferrol é un concello referente do programa Rexurbe. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa investiu 1,73 millóns de euros entre a adquisición de 19 propiedades, a redacción de proxectos e a execución dun inmoble.

 

Ademais, o Goberno galego ten previsto investir outros 8,7 millóns de euros. Existen 5 obras adxudicadas ou licitadas por importe de 2,46 millóns; 7 obras pendentes de licitación, xa con proxecto, por importe de 3,77 millóns; e outras 5, coa redacción dos proxectos xa licitada, nos que se investirán máis de 2,5 millóns.

 

En todo caso, para que este investimento se poida facer efectivo, é preciso que o Concello de Ferrol axilice a concesión das licenzas de obra, xa solicitadas para 8 inmobles, dous delas, en marzo de 2021, pedidas para o de Benito Vicetto 17 e o da rúa Castro 22-24.

 

Quinta oferta Rexurbe


Cada ano, desde o 2018, a Xunta convoca unha nova oferta pública do programa Rexurbe para a adquisición de inmobles co obxectivo de rehabilitalos e destinalos despois a vivendas protexidas de promoción pública.

 

Ao abeiro da quinta convocatoria, a de 2022, aberta desde o pasado venres, reservouse para Ferrol Vello un orzamento de 200.000 euros.

 

Os propietarios interesados en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 15 de xullo para trasladar á Xunta as súas propostas.

Imaxes relacionadas