A Xunta traballa nun proxecto estratéxico de avaliación xenética da raza porco celta para obter explotacións máis rendibles e incrementar o número de animais

O programa de avaliación permitirá definir as liñas xenéticas reprodutivas e produtivas, conseguindo incrementar o número de animais desta raza e así poder abastecer a gran demanda dos seus produtos

O proxecto iniciouse o pasado ano e nos estudos iniciais realizouse unha recompilación da información existente sobre a raza, así como un primeiro labor de depuración de datos existentes

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022.-

A Consellería do Medio Rural, a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), está a desenvolver coa Asociación de criadores da raza porco celta (Asoporcel) e co Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) un proxecto estratéxico consistente nos estudos preliminares para o establecemento dun programa de avaliación xenética da raza porco celta que permita a definición de liñas xenéticas. Desta forma, ao incrementar o número de exemplares, as granxas serán máis rendibles e permitirán abastecer a gran demanda dos seus produtos.

 

O proxecto iniciouse o pasado ano e nos estudos iniciais realizouse unha recompilación da información existente sobre a raza, así como un primeiro labor de depuración da información útil das bases de datos existentes e a definición de posibles caracteres obxectivo.

 

O proxecto entrou agora nunha segunda fase de implantación metodolóxica na que adquiren especial relevancia as gandarías colaboradoras que van participar directamente no proxecto, en colaboración estreita cos técnicos de Asoporcel e do CIAM, co obxectivo de estandarizar a toma de datos fiables e exactos dos animais e os sistemas de produción das explotacións nas que se atopan. Todos estes datos e información tomados a pé de explotación permitirán realizar un programa de avaliación xenética na raza que defina liñas proxenitoras e liñas terminais.

 

Así, estableceuse un primeiro contacto cunha vintena de gandarías que colaboran no proxecto, onde se lles explicou o contido, os obxectivos perseguidos e os aspectos nos que se precisa da súa colaboración e implicación. O obxectivo é obter información útil e de calidade dos aspectos morfolóxicos, produtivos, reprodutivos, de comportamento, etc. que permitirán chegar á estimación do valor xenético dos caracteres e índices de interese para o programa de avaliación xenética.

 

Estes estudos preliminares permitirán sentar as bases para os procesos de selección de liñas xenéticas de porco celta e, nunha fase posterior, desenvolverase o programa de avaliación e tamén serán incorporados caracteres directamente relacionados coa calidade da canal, da carne e dos seus produtos. Desta forma, garantirase unha estandarización e homoxeneidade nas producións, tendo en conta as características diferenciais que os distintos sistemas de produción e a ración alimenticia lles poden conferir para acadar os excelentes produtos comerciais que se poden obter desta raza.

Imaxes relacionadas