Román Rodríguez recibe ao propietario do microscopio naturalista único en España que vén de ser protexido pola Xunta como Ben de Interese Cultural

A peza, unha das nove que se conservan en todo o mundo, foi creada por Antony Van Leeuwenhoek, considerado hoxe o pai da microbioloxía


Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu hoxe no seu despacho a Tomás Camacho, propietario do microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek, peza única en España que a Xunta vén de protexer como Ben de Interese Cultural (BIC).

 

No encontro, no que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua, o titular de Cultura agradeceulle o seu traballo de conservación deste ben e tamén o seu interese por divulgalo entre o público, ao conseguir que formase parte de distintas exposicións nos últimos anos. O microscopio é o primeiro instrumento científico protexido patrimonialmente polo Goberno galego, e un dos nove que se conservan en todo o mundo. Foi creado a finais do século XVII polo microbiólogo holandés Antony Van Leeuwenhoek e é un dos máis de 770 Bens de Interese Cultural cos que conta Galicia. 

 

O propietario explicou aos representantes da Xunta de Galicia o devir do microscopio, que foi atopado no dragado dunha canle e que chegou ás mans de Tomás Camacho a través dunha venda en internet. Unha vez autentificado polo profesor Brian Ford, do departamento de Química da Universidade de Cambridge, proceso que se tomou arredor de seis meses, o microscopio comezou a ser exposto para fomentar o interese pola ciencia. De feito desde o ano 2015, coa paréntese da pandemia, a peza foi constantemente exhibida en diferentes actividades de carácter didáctico, cultural e científico.

 

De cara aos próximos meses, estase ultimando unha exposición sobre esta peza, na que ademais de contemplala, se dea a coñecer a historia do seu creador, Leeuwenhoek, que da súa profesión orixinal como comerciante de teas pasou a converterse no coñecido como o pai da microbioloxía. Non en balde, a través das lentas biconvexas, que fabricou desde a pura intuición, observou por primeira vez na historia espermatozoides ou bacilos e glóbulos vermellos, que documentou en diversas ilustracións.


Imaxes relacionadas