A Xunta colaborou co concello de Ramirás en melloras na antiga escola de Freás de Eiras

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, as melloras levadas a cabo no municipio o ano pasado

Contaron tamén cunha axuda do Goberno galego para o funcionamento do punto limpo da Mancomunidade Terra de Celanova e para melloras na instalación municipal no Picoto

Ramirás (Ourense), 13 de abril de 2022.-

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe as melloras levadas a cabo no Concello de Ramirás o ano pasado, concretamente as melloras levadas a cabo na antiga escola de Freás de Eiras, que contou cunha axuda de preto de 39.000 euros.

Natalia Prieto indicou que en total o ano pasado o concello recibiu preto de 87.000 euros para ademais desta mellora na antiga escola, para o funcionamento do punto limpo da Mancomunidade Terra de Celanova e para melloras de instalación municipal no Picouto.

Natalia Prieto lembrou que o investimento total neste concello ascende nos últimos anos a máis de 716.000 euros, que se destinaron á supresión de barreiras arquitectónicas mediante a instalación dun ascensor na casa Consistorial, melloras en espazos destinados a parques infantís, rede de saneamento e depuración de augas residuais urbanas e funcioamento do punto limpo, entre outros.

Ademais, nos anos 2017 e 2018 foi galardoado co Premios Coopera. No 2017 acadaron o 1º premio pola implantación de aula de conciliación e actividades formativas para mulleres xunto a A Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea. No ano 2018 acadaron tamén o 1º Premio coa Mancomunidade polo proxecto de eliminación de niños de vespa velutina mediante drone.

A directora xeral de Administración Local destacou a importancia da colaboración entre a Xunta e as entidades locais para levar a cabo iniciativas como esta que contribúen á mellora das dotacións existentes de infraestruturas para a poboación, o que redunda no benestar e a calidade de vida da cidadanía.

Imaxes relacionadas