A Xunta apoia a XIV edición do ciclo de música relixiosa de Barcia de Mera

O representante da Consellería de Cultura sinala esta iniciativa como “unha aposta consolidada pola descentralización da cultura e achegala ao rural”

O ciclo desenvolverase na parroquia de Covelo entre o 30 de abril e o 17 de setembro

Mondariz-Balneario, 13 de abril de 2022.-

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación do XIV Ciclo de Música de Barcia de Mera, unha cita que sinalou como “unha aposta consolidada pola descentralización da cultura e achegala ao rural”. O ciclo, que se celebra entre o 30 de abril e o 17 de setembro, conta co apoio da Xunta de Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en valor o traballo da asociación cultural organizadora do ciclo, co párroco Rafael Antela á cabeza e baixo a dirección artística de Nieves García-Soto. “Iniciativas coma esta poñen de relevancia a importancia das pequenas asociacións na dinamización da oferta cultural en todos os recunchos da xeografía galega”, dixo.

 

A XIV edición do Ciclo de Música de Barcia de Mera celebrarase, como é habitual, na igrexa barroca de San Martín de Barcia de Mera do municipio de Covelo, cun programa de oito concertos. O primeiro deles, o 30 de abril, virá da man da orquestra de cámara dirixida por Florian Vlashi, cos solistas Cecilia Rodríguez e Christian Borrelli, que interpretarán o Stabat Mater de Pergolesi. O 28 de maio será a quenda do cuarteto Assai con obras de Johan Christian Bach, Shubert e Piazzola; o 25 de xuño,, do trío de cordas Sartory Cámara con obras de Haydn, Schubert e Beethoven; mentres que o 2 de xullo a interpretación correrá a cargo do trío Scaramucia con obras de Vivaldi e Pisendel.

 

O 30 de xullo a interpretación será de Cantica Sacra In Memorian de Luis Estévez con obras de Monteverdi, Fauré e Vitoria; o 15 de agosto contarán co Dúo Laúd e Voz co programa Benedicta tu María e o 27 de agosto Vox Stellae con Vilancicos Galegos. Na clausura do ciclo, o 17 de setembro, o programa correrá a cargo de EL Afecto Ilustrado con sonatas italianas de 1700.