A Xunta avanza na rehabilitación da ponte Nafonso, na estrada AC-196, entre Noia e Outes, coa colocación estes días do novo peitoril en pedra de cantería

A Consellería de Infraestruturas reiniciou esta semana o remate do pavimento da ponte e agora está colocar a nova varanda

O encaixe das canalizacións fixo necesario elevar o pavimento, o que impedía a integración estética da varanda metálica inicialmente proxectada

Substitúese o peitoril da ponte por un de pedra, similar aos existentes nos tallamares, como xa tiña antes das obras de ensanche dos anos 20 do século pasado

Dada a singularidade da ponte, a actuación é respectuosa e integrada, coa disposición de firme de lastro de granito, a limpeza de paramentos e a substitución do alumeado

A Xunta inviste nesta intervención máis de 700.000 €, contando con autorización de Patrimonio Cultural e cun seguimento arqueolóxico continuo na súa execución

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022.-

A Xunta avanza nos traballos de rehabilitación e posta en valor da ponte Nafonso, na estrada AC-196, entre os municipios de Noia e de Outes, coa colocación estes días do novo peitoril en pedra de cantería.

 

Os traballos reiniciáronse esta semana co remate do pavimento, tras recibir o visto bo da Comisión de Patrimonio da provincia da Coruña ao novo proxecto para Ponte Nafonso que recolle unha nova configuración do peitoril, e unha vez superado o paro do transporte.

 

Cómpre lembrar que o encaixe das canalizacións fixo necesario elevar o pavimento, o que impedía a integración estética da varanda metálica inicialmente proxectada. Esta circunstancia, sumada á decisión de limitar a velocidade futura sobre a ponte, levou ao cambio na solución para o peitoril, optando por colocar agora un de pedra de cantería.

 

A intervención inclúe a modificación da rasante da ponte colocando unha nova imposta de 12 centímetros de altura e 30 cm de ancho sobre a xa existente.

 

O peitoril de pedra será similar aos existentes nos tallamares, como xa tiña antes das obras de ensanche dos anos 20 do século pasado.

 

Esta proposta do peitoril de pedra ten base histórica, acorde ao proxecto de ponte Nafonso documentado no século XVII. As obras tamén inclúen a adecuación da iluminación en base a un modelo de baliza encaixada no peitoril, sistema tamén usado en Ponte Sampaio, en Pontevedra.

 

As obras de rehabilitación e posta en valor do patrimonio histórico e cultural que significa a ponte Nafonso supoñen un investimento autonómico de máis de 700.000 euros.

 
 

O proxecto enmárcase no programa pioneiro de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas, con actuacións de conservación preventiva.

Imaxes relacionadas