A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, coñeceu hoxe de primeira man este sistema que reforzará a eficiencia do transporte público en Galicia

A Xunta avanza na activación do proxecto Saegal, un conxunto de solucións tecnolóxicas para optimizar a xestión do transporte público e ofrecerlles aos usuarios información en tempo real

?     Este mecanismo, cun localizador GPS, un procesador e un sistema de comunicacións, transmite en tempo real a posición do autobús, confirmando a regularidade de paso polas paradas

?     O centro de control recibe 7,5 millóns de paquetes de datos de 2.500 autobuses cada día

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022.- A Xunta avanza na activación do proxecto SAEGAL, que a través dun conxunto de solucións tecnolóxicas busca mellorar a xestión do transporte público, para incrementar a súa calidade e ofrecer información en tempo real aos usuarios.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, coñeceu hoxe de primeira man o proxecto SAEGAL, o sistema tecnolóxico de xestión do transporte público da Xunta.

 

Trátase dun conxunto de solucións que suman distintas tecnoloxías para mellorar o servizo e a xestión de medios de transporte.

 

O sistema componse dun localizador GPS, un procesador embarcado ou na nube e un sistema de comunicacións co que transmitir en tempo real a posición de cada vehículo a un centro de control.

 

Cada día, ese centro de control recibe 7,5 millóns de paquetes de datos procedentes dos 2.500 autobuses interurbanos da Xunta.

 

 Esta información procésase no centro de control e a través dunha consola de operador poden tomarse decisións sobre as accións do vehículo.

 

O sistema, entre outras funcións, permite confirmar a regularidade de paso por paradas de autobuses no caso de liñas regulares.

 

Ademais de medir o nivel de cumprimento dos horarios, este sistema permitirá, cando estea plenamente desenvolvido, informar aos pasaxeiros do tempo estimado de chegada do seguinte autocar ou da ocupación en cada expedición.

 

Este mecanismo tamén fai posible coñecer datos sobre o grao de cumprimento de horarios ou a ocupación dos vehículos ou doutros.

 

Na actualidade o sistema SAEGAL está en proceso de posta en marcha e probas de expedicións, paradas e horarios.  Actualmente supérase xa a recepción dos datos do 80% das liñas de media, prevendo chegar a máis do 95%, o que permite unha inspección e análise dos cumprimentos horarios e de pasos por parada.

 

O seguinte paso neste procedemento é achegar á información en tempo real ao usuario a través da aplicación de Transporte Público de Galicia, un obxectivo que se agarda acadar ao longo deste ano.

 

Plan de Transporte Público de Galicia

Esta iniciativa enmárcase no novo Plan de Transporte Público de Galicia, co que a Xunta modernizou e renovou todo o mapa de transporte de autobús interurbano da comunidade para dotar os galegos duns servizos modernos, útiles e eficaces.

 

O Plan supuxo activar 127 contratos que configuran hoxe a rede autonómica de transporte; renovar 3.436 liñas de autobús; habilitar 53.000 paradas; ofrecer ao ano máis de 2,3 millóns de horarios e percorrer máis de 57 millóns de quilómetros, movendo, de media, preto de 3 millóns de viaxeiros ao mes. Para garantir estes servizos e ofrecer aos cidadáns un transporte en autobús de calidade, a Xunta está a destinar 80 M€ ao ano.  

 

O Goberno galego, na súa aposta polo transporte público, tamén impulsou a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 110.000 mozos menores de 21 anos viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses da Xunta, co aforro que isto supón ás súas familias, de entre 500 e 1.800 euros ao ano.

Imaxes relacionadas