Xunta e concello de Rodeiro rematan as obras que melloran a accesibilidade do centro de saúde

A actuación tivo un orzamento de mais de 86.000 euros e foi froito dun convenio entre Xunta e Concello ao tratarse dun edificio de titularidade municipal

A habilitación da consulta de pediatría na planta baixa e a reforma do acceso das ambulancias melloraron a accesibilidade para os pacientes

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados
 

 

Rodeiro (Pontevedra), 13 de abril de 2022. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, da xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, e do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, vén de visitar as obras de reforma do centro de saúde desta localidade en desenvolvemento do convenio asinado por Xunta e Concello o pasado mes de xullo para efectuar un proxecto de mellora por importe de 86.052 euros, partida cofinanciada a partes iguais por ambas administracións.

O concello foi o encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

As obras consistiron, en primeiro lugar, no acondicionamento dun espazo na planta baixa (antes dedicado a almacén) para instalar nel a consulta e sala de espera de pediatría. Para isto, eliminouse a porta existente e colocouse unha cristaleira que permite dotar de iluminación natural tanto á nova sala de espera como á consulta. Ata o de agora, a consulta de pediatría estaba situada no andar alto do edificio principal, polo que non era accesible para subir os carriños de bebé e as escaleiras tampouco eran axeitadas debido a antigüidade do edificio principal, e a que non dispón de ascensor.

Por outra banda, a reforma resolveu tamén os problemas de accesibilidade que presentaba o inmoble, pois as ambulancias non tiñan posibilidade de acceso ao centro debido ao tamaño do portal e ao desnivel existente entre a beirarrúa e a parcela. Para solucionalo, executouse unha modificación do acceso principal para eliminar o desnivel coa beirarrúa e dotalo de máis anchura para facilitar un acceso cómodo das ambulancias.

As obras contemplaron tamén a impermeabilización da cuberta plana e substitución da cuberta do edificio posterior por unha cuberta de panel sándwich, a substitución da carpintería exterior por outra con rotura de ponte térmica, a reparación da instalación eléctrica e o pintado interior do centro.

O conselleiro lembrou que non é a primeira mellora experimentada polo centro de saúde de Rodeiro nos últimos anos pois, froito do investimento de oito millóns de euros en equipamento derivado do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, este centro recibiu un electrocardiógrafo e un espirómetro.

Ademais, o Concello de Rodeiro recibe anualmente uns 13.000 euros da Xunta para afrontar os gastos de mantemento deste centro desde que, no 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, comezou a incluír a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario. 

No orzamento para o ano 2022 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,4 millóns de euros a partida –un 14%-. Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 cerca de 11 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal, cantidade que en concreto para a provincia de Pontevedra ascendeu a 1,9 millóns.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir os catro que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Ribadavia) En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Pontevedra, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os da Parda (Pontevedra), Tenorio (Cerdedo-Cotobade), Vilalonga (Sanxenxo), San Paio de Navia (Vigo), Taboada Leal (Vigo), Panxón (Nigrán), Marín, Oia, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, A Estrada e Bouzas (Vigo), e as reformas de Vilaboa, Illa de Arousa, Tomiño, Crecente, Valga e Pazos de Borbén e os centros vigueses de Lavadores e rúa Cuba, mentres que xa están en marcha as obras de construción do novo CIS de Lalín e xa se adxudicou a reforma do centro de saúde do Porriño.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Vilanova de Arousa, Agolada, Cuntis, Cambados, Covelo e Mondariz-Balneario Balneario. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de Campo Lameiro e Fornelos de Montes.

Para continuar con este esforzo, en 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Pontevedra, prevé construír 13 novos centros de saúde, nos concellos de Vilagarcía de Arousa (licitada a redacción do proxecto o 29 de marzo de 2022) , Soutomaior (no que se está a tramitar o convenio de cesión dos terreos despois da sinatura do protocolo previo co que o goberno local iniciou a adquisición das parcelas necesarias), Vigo (o CIS Olimpia Valencia, coa licitación da obra xa autorizada polo Consello da Xunta), Moaña (co proxecto xa adxudicado), Caldas de Reis, O Grove, Poio, Barro, Meis, Ponteareas e Mos así como reformar e ampliar os centros de Moraña e O Rosal e crear dous novos centros integrais de saúde en Cangas do Morrazo e A Guarda

Imaxes relacionadas