Fabiola García destaca que a programación xuvenil da Xunta permite que se viva todo o ano “a diversión, as experiencias e as amizades” que nacen nos campamentos de verán

O programa Primavera Xove ofrece 1700 prazas para que mozas e mozos realicen actividades durante os meses de abril e maio, como estadías esta Semana Santa en albergues xuvenís

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 13 de abril de 2022.-

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a programación xuvenil da Xunta permite que se viva todo o ano “a diversión, as experiencias e as amizades” que nacen nos campamentos de verán. Esta mañá visitou aos participantes do programa Primavera Xove que están a realizar estadías esta Semana Santa no albergue xuvenil das Sinas.

 

A conselleira sinalou que o pasado ano o Goberno galego puxo en marcha os programas Primavera Xove e Outono Xove para que instalacións como este albergue xuvenil das Sinas tivesen actividade fóra dos meses de verán. A boa acollida desa primeira edición levou á Xunta a repetir esta experiencia e poñer á disposición da xuventude actividades, obradoiros e estadías de fin de semana e Semana Santa en albergues xuvenís.

 

Fabiola García concretou que esta campaña ofrece máis de 1700 prazas para que as mozas e mozos de Galicia asistan a feiras nos 12 espazos xoves da rede autonómica, a encontros formativos e de networking nos campus universitarios e estadías en albergues xuvenís durante as fins de semana de abril e maio.