A Xunta insta para que se cumpra de inmediato a Lei da cadea alimentaria para manter a viabilidade económica das explotacións agropecuarias

O director xeral e Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias analizou a situación actual que están atravesando as explotacións agropecuarias galegas

O director xeral de Defensa do Monte fixo balance das actuacións realizadas pola Unidade de Investigación de Incendios Forestais

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural explicou os pasos a seguir para decretar o futuro polígono agroforestal de Crecente

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022.-

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, analizou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento a situación actual que están atravesando as explotacións agropecuarias debido á subida dos custos de produción. Neste senso, instou ao cumprimento inmediato da Lei da cadea alimentaria para manter a viabilidade económica das explotacións, á marxe doutras actuacións complementarias.

 

Así, José Balseiros indicou que debido á suba desmesurada dos prezos das materias primas, dos combustibles e da electricidade dos últimos meses e da alteración dos mercados internacionais por mor da invasión rusa a Ucraína, a situación das granxas é preocupante.

 

Por iso, asegurou, é fundamental cumprir a Lei da cadea e asegurar que cada operador pague o inmediatamente anterior na cadea, un prezo igual ou superior ao custo de produción do produto no que teña incorrido dito operador, de maneira que se preserve o valor agregado en cada elo da cadea. Ademais, insistiu na necesidade de implantar outras actuacións complementarias, como axudas públicas directas, medidas para paliar a suba dos combustibles e da enerxía ou o aumento da superficie agraria a disposición das explotacións, entre outras.

 

Así, sinalou Balseiros, a Xunta creará o Observatorio da cadea alimentaria galega como organismo emisor de informes sobre a situación económica dos diferentes ámbitos do sector primario galego, e a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia para dar cumprimento ás obrigas da Lei da cadea alimentaria, singularmente a prohibición da venda a perdas. Tamén se porá en marcha o Observatorio lácteo, onde se escenificará a relación entre os elos desta cadea de valor.

 

E, precisamente, para reafirmar o apoio ao sector primario, a Xunta pediu que por parte do Banco de España ou da autoridade comunitaria competente se autorizara ás entidades financeiras unha moratoria dun ano na amortización dos préstamos a longo prazo que teñan vivos os gandeiros. Esta medida, explicou Balseiros, viría sumarse aos anticipos da PAC por un importe de ata case 200 millóns de euros anunciados desde o Goberno galego e á apertura de liñas de crédito para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros, avaladas pola Xunta. Para esta operación, engadiu, disporase dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.

 

Nesta liña, o director xeral lembrou que a Consellería elaborou diversos plans estratéxicos que procurasen a rendibilidade e sustentabilidade das explotacións agropecuarias, tales como a estratexia do sector lácteo, do viño e a da carne, esta última en elaboración. Ademais, sinalou Balseiros, avanzouse na posta en marcha de medidas complementarias tales como a marca de leite de pastoreo de Galicia e reforzouse o selo Galega 100%. Tamén se impulsou o Plan de pastos de Galicia, que xunto á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, busca poñer en valor terras produtivas e así facilitarlle ás explotacións da zona terreos para traballar e así reducir os seus custos de produción.

 

Por último, o director xeral puxo tamén en valor as diferentes liñas de axudas que pon a Xunta a disposición do sector agrario. Así, so no ano 2021 destináronse máis de 68,5 millóns de euros en achegas para explotacións e industrias agrarias, ás que hai que sumarlle os pagamentos derivados da solicitude única da PAC, que na campaña 2021 supuxeron outros 201 millóns de euros. Para este ano 2022, o investimento para estas achegas será similar, asegurou Balseiros, destacando os 37,5 millóns de euros da convocatoria de achegas para plans de mellora nas explotacións agrarias, para a creación de empresas por parte de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Tamén cómpre subliñar a orde relativa aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cun orzamento de 30 millóns de euros. 

 

UIFO


Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, respondeu unha pregunta sobre o balance de actuacións que realizou a Unidade de investigación de incendios forestais no primeiro ano de constitución. Neste senso, puxo en valor as 242 dilixencias de investigación que realizou esta unidade, ademais de 12 operativos especiais de vixilancia en diferentes concellos de Galicia.

 

Manuel Rodríguez valorou positivamente a creación deste corpo, formado por 15 membros da escala de axentes ambientais que, en coordinación con outros corpos policiais, puido poñer a disposición xudicial numerosas persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

 

Polígono agroforestal de Crecente


Sobre o polígono agroforestal de Crecente, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, explicou que na reunión mantida o pasado 23 de outubro cos veciños, propúxose un polígono multifuncional no que se conservarían as carballeiras e se incluirían varios usos agrícolas, estudando especialmente os cultivos tradicionais da zona.

 

Neste senso, Inés Santé subliñou que as orientacións produtivas principais e secundarias das diferentes zonas dun polígono deben definirse no estudo de viabilidade que, no caso de Crecente, está elaborando actualmente a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Ademais, tamén se está a traballar Catálogo parcial de usos agropecuarios e forestais deste polígono, polo que ambos documentos implican unha análise técnica detallada das características físicas, agronómicas e socioeconómicas da zona.

 

No caso deste polígono, de iniciativa pública, os propietarios do 65% da superficie xa asinaron a favor deste instrumento, o 6 % aínda non respondeu e o 29% corresponde a propietarios non localizables. É dicir, ningún veciño asinou en contra do polígono, polo tanto, asegurou Santé, nas próximas semanas asinarase o acordo de inicio deste polígono.

Imaxes relacionadas