A Xunta prepara un procedemento para mellorar a atención das persoas con mobilidade reducida nas consultas dos hospitais e dos centros de saúde

Entre as medidas previstas está a de contar con tempos de citas máis amplos e dispor de instrumentos e aparellos de exploración adaptados e accesibles, especialmente en consultas como xinecoloxía, uroloxía ou probas especiais

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022

O Servizo Galego de Saúde está a elaborar un procedemento de atención a persoas con mobilidade reducida en consultas externas nos centros hospitalarios e, tamén, nos centros de atención primaria, coa intención de diminuír, na medida do posible, as dificultades que se poidan atopar nos centros sanitarios e que afecten a estas persoas. Así o destacou o xerente do Sergas, José Flores Arias, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, na Comisión especial non permanente para o seguimento das políticas relativas á discapacidade.
Segundo o xerente do Sergas, a pesar de que o sistema garante o acceso a sanidade para todas as persoas, hai cuestións a mellorar en canto á accesibilidade, por iso, algunha das medidas que se deberán tomar serán, por exemplo, a de contar con tempos de citas máis amplos ou dispor de instrumentos e aparellos de exploración adaptados e accesibles, especialmente en consultas como as de xinecoloxía, uroloxía ou probas especiais.
Tal e como sinalou José Flores, o procedemento indica todos os requirimentos que se teñen detectado como necesarios para estas consultas e, sobre todo, cal debe ser a planificación para a atención destes pacientes, contando con todos os recursos con anterioridade, para facilitarlles a consulta tanto aos profesionais coma aos pacientes.

Sensibilidade do sistema sanitario

O responsable do Sergas remarcou a sensibilidade do departamento sanitario público galego coa discapacidade, que se constata a través do traballo dos profesionais e dende todos os programas e liñas de colaboración que a Consellería de Sanidade leva posto en marcha nos últimos anos, e que están a facilitar a accesibilidade ao sistema.
Entre estas iniciativas, José Flores citou as ferramentas electrónicas Sergas Móbil ou É-Saúde, para o acceso a informes e resultados de probas; a consulta telefónica; o Conecta 72, que mellora a continuidade asistencial; ou a plataforma Telea, de seguimento de pacientes crónicos no seu domicilio. Estes avances facilitan a accesibilidade ao sistema sen necesidade de achegarse aos centros sanitarios, -subliñou o xerente-.
Outras medidas destacadas por José Flores, son a formación continuada dos profesionais, como é o caso dos cursos de linguaxe de signos; ou a posta en marcha da tarxeta sanitaria AA, que favorece a accesibilidade dos pacientes diagnosticados de determinados patoloxías (autismo, alzheimer, etc). Na actualidade, o número de persoas con aviso AA rexistrados son 13.843.
Así mesmo, o Sergas está a traballar, da man das entidades e asociacións e da Consellería de Infraestruturas, na adecuación dos novos edificios sanitarios ás necesidades das persoas con discapacidade, como é no caso do novo CIS de Lalín, o Hospital de Ourense, ou o CIS Olimplia Valencia de Vigo.

Colaboración coas entidades

O xerente remarcou que a colaboración coas entidades de discapacidade é clave e realízase de xeito transversal en todos os departamentos da Consellería de Sanidade e, a meirande parte dos documentos de calado que se elaboran no departamento sanitario galego, contan coa participación destas entidades, xa que as súas achegas son fundamentais, -dixo José Flores-.
Tamén destacou o xerente, que o Sergas iniciou, no ano 2018, a convocatoria de prazas para persoal estatutario fixo de persoas cunha discapacidade intelectual, a través dunha quenda diferenciada e con temarios e tempo de probas adaptados. Na actualidade, traballan xa no Sergas 30 celadores e 11 auxiliares de enfermería, e está aberto o proceso para nove prazas de persoal de servizos xerais, 39 de pinche e dez de técnico de farmacia, quedando pendentes de convocatoria 15 prazas de celador e 10 auxiliares administrativos.
Co obxecto de avanzar na integración laboral no ámbito sanitario das persoas con discapacidade intelectual e estender esta integración á selección temporal, o xerente do Sergas dixo que este organismo dispón de listas de selección temporal para o acceso á categoría de celador pola quenda de discapacidade intelectual.
Xunto ás medidas de selección e provisión, -proseguíu José Flores-, o Sergas ten deseñados plans específicos de formación para as persoas con discapacidade, consciente de que a formación continuada é unha ferramenta de apoio e un recurso necesario para estes cidadáns. Trátase de desenvolver coñecementos, habilidades e aptitudes así como prestar apoios especializados en situacións laborais cotiás que os axudarán no seu proceso de inclusión.
Ademais, a Consellería de Sanidade e a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, en colaboración coa Secretaria Xeral para o Deporte, a Fegamp e as entidades de discapacidade, configurou un grupo de traballo co obxecto de abordar as dificultades que sofre este colectivo para acceder á práctica deportiva. Ao respecto, o xerente cre imprescindible traballar nesta liña de cara a fomentar o deporte entre as persoas con discapacidade.
En definitiva, -concluíu José Flores-, o departamento sanitario galego ten en marcha numerosas colaboracións, proxectos e medidas, todas elas enmarcadas no obxectivo de mellorar a autonomía das persoas con discapacidade, incrementar a súa integración no mundo laboral e atender, do mellor xeito posible, as súas necesidades asistenciais.

Imaxes relacionadas