A Xunta publica no DOG a convocatoria para este ano das probas para exercer como xestor de transporte de viaxeiros ou de mercadorías por estrada

Trátase da primeira convocatoria logo da entrada en vigor da modificación do formato deste exame que estableceu o Ministerio de Transportes

Os exames constarán de dúas partes, unha teórica e outra práctica, e efectuaranse en ordenador, contestando un cuestionario individualizado

Ábrense dous períodos de inscrición, un do 14 de abril ao 2 de maio, e un segundo desde o 3 de maio ao 1 de setembro

A Xunta prevé que as probas se realizarán entre o 18 de maio e o 31 de xullo e entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, convocándose previamente aos inscritos

Cómpre lembrar que a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, esixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada
 

 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022.- A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor en empresas de transporte por estrada, de viaxeiros e de mercadorías.

 

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio:  http://xurl.es/5rros 

 

Trátase da primeira convocatoria desta modalidade de probas logo da entrada en vigor da modificación do formato de realización deste exame que estableceu o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

 

Deste xeito, os exames constarán de dúas probas, unha teórica e outra práctica, de dúas horas de duración cada unha, e que se realizarán de xeito continuado, unha seguida da outra. Ademais, as probas efectuaranse en ordenador, contestando un cuestionario que será individualizado para cada aspirante.

 

Nesta convocatoria que se vén de publicar ábrense dous períodos de inscrición: un do 14 de abril ao 2 de maio, e un segundo desde o 3 de maio ao 1 de setembro.

 

Prevese que os exames se leven a cabo entre o 18 de maio e o 31 de xullo, e entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, respectivamente, sendo convocados os inscritos previamente.

 

Cómpre lembrar que a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, esixe reunir o requisito da competencia profesional para exercer a función de transportista por estrada.

 

Imaxes relacionadas