Máis de 400 profesionais en Galicia melloran as súas competencias en internacionalización dixital

A iniciativa da Xunta de Galicia, na que participaron traballadores de empresas galegas de todos os sectores, englobou tanto cursos especializados como seminarios e webinarios con representantes de marketplaces como Alibaba ou Amazon

 O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril, achegando cada semana unha sesión temática en formato en liña e de 45 minutos de duración que permanecen dispoñibles na plataforma virtual do curso para a súa consulta

 Os participantes afondaron nas bases do comercio electrónico como canle de acceso para novos mercados, e xa se está a traballar nun novo curso centrado nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022.-

A Xunta de Galicia ten facilitado a formación nos procesos de internacionalización dixital nos novos escenarios post-covid a máis de 400 profesionais de empresas galegas de diferentes sectores inscritos no curso Fórmat-e do Igape.

 

O curso ofrecido pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que ven de concluír logo de impartirse 30 sesións en dez módulos, deseñouse para dar a coñecer as bases destes procesos de busca de novos mercados a través de ferramentas dixitais, permitindo aos participantes adquirir coñecementos e competencias sobre diversas materias. Entre estas, poden destacarse a elaboración de plans estratéxicos dixitais, a intelixencia competitiva, a contorna legal, o márketing dixital, comunicación e publicidade, modelos de distribución de e-commerce, operacións no negocio dixital, os mercados dixitais, a negociación internacional ou as xestións aduaneiras.

 

Estes coñecementos resultan un factor diferencial para gañar competitividade internacional e, ao mesmo tempo, sensibilizan ás empresas sobre a importancia do comercio electrónico nas súas estratexias de internacionalización. Ademais, o curso permitiu tamén afondar nos programas de axudas para impulsar a internacionalización, como o Galicia Exporta Dixital, que ten nestes momentos aberta unha nova convocatoria.

 

A iniciativa engloba tanto cursos especializados como seminarios e webinarios coa participación dalgún dos máis importantes marketplaces do mundo como Alibaba ou Amazon, co obxectivo de ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que ten cambiado a forma de consumir a nivel mundial, cun incremento exponencial do comercio electrónico.

 

O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril. Cada semana tivo lugar unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que permanecen dispoñibles na plataforma virtual do curso para a súa consulta.

 

As cifras de inscrición do programa -que contou con participantes de diversos sectores, desde o téxtil, á enxeñaría, o contract, o agroalimentario, o químico ou o turístico-, poñen de manifesto a boa acollida desta iniciativa por parte do tecido empresarial galego.

 

Por este motivo xa se está a traballar nun novo curso que afondará nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital, facilitando competencias técnicas que permitan aos directivos das empresas xestionar de forma efectiva os seus procesos de internacionalización dixital.

 

A previsión é poder activalo no último trimestre do ano cunha estrutura similar á desenvolvida no Fórmat-e, dirixido a directivos e profesionais de comercio exterior de empresas cun plan de internacionalización dixital, a través de dúas sesións semanais de curta duración de formato webinario co soporte dunha plataforma de e-learning.

Imaxes relacionadas