O 061 de Galicia pídelles precaución aos condutores nos desprazamentos durante a Semana Santa

Cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, facilitando ao 061 toda a información relevante e seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación

Durante a Semana Santa do ano 2021, o 061 de Galicia asistiu a 122 persoas, unha das cales faleceu no punto do accidente
 

 

A Estrada (Pontevedra), 13 de abril de 2022. Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, pídelles aos condutores precaución nas estradas ante o inicio, mañá xoves, das vacacións de Semana Santa e ata o vindeiro domingo 17 de abril.

Cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade. En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante, e en segundo, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico debe tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberá poñer roupa reflectora ou rechamante, pero nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente 50 metros, como mínimo, antes e despois do lugar no que ocorreu.

 

Outra das medidas que se deberán realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios e cables eléctricos, entre outros.

 

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

 
Balance Semana Santa 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa de 2021 122 persoas debido a 90 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do mércores, 31 de marzo, ata as 23:59 horas do domingo, 4 de abril de 2021. O maior número de atencións por sinistros rexistrouxe o mércores con 21 accidentes.

 

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 105 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 90 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 122 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 69% e do 31 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 33% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

 

Por provincias, A Coruña foi a que rexistrou máis accidentes con 39 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 
Provincia
Accidentes
A Coruña
39
Lugo
11
Ourense
6
Pontevedra
34
Galicia
90
           

En 105 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 16 persoas foron asistidas no lugar do sinistro e unha persoa faleceu no lugar do accidente.

Imaxes relacionadas