A Xunta informa aos consumidores de Noia sobre as claves da factura da luz

A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, participou nunha charla no Casino noiés na que se achegou asesoramento sobre este servizo básico que afecta a toda a cidadanía

 

Noia (A Coruña), 12 de abril de 2022.- A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, participou esta mañá no Casino de Noia nunha charla informativa sobre a factura da luz, dentro da nova campaña informativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia económica, para asesorar e aconsellar en relación a este servizo básico que afecta a toda a cidadanía.

 

No encontro achegouse asesoramento sobre os conceptos básicos que figuran na factura da luz para a súa mellor comprensión, así como para a adopción de decisións que poidan axudar no aforro. Así mesmo, trasladáronse diferentes recomendacións, como solicitar as ofertas comerciais que se reciban sempre por escrito e ser cautelosos ao contratar fórmulas de cálculo do prezo da luz de difícil comprensión.

 

Co ánimo de achegar esta información ao maior número de persoas consumidoras posible, a Administración autonómica ofrece a todos os concellos galegos a oportunidade de colaborar con esta iniciativa e ofrecer aos seus veciños unha xornada informativa presencial impartida polos técnicos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). A iniciativa ten previstas xa visitas a unha trintena de municipios, e o calendario coas seguintes citas pode consultarse na web do IGCC.

 

Complementariamente, o IGCC pon a disposición das persoas consumidoras os Venres de Consumo responde, unha iniciativa virtual para atender en aberto os venres ás 12.30 horas, todas as dúbidas das persoas consumidoras a través da aula virtual do organismo.

 

A cidadanía pode tamén facer uso do servizo telefónico de información gratuíta
900 23 11 23, que funciona de 9 a 14 horas e de 17 a 19 horas de luns a venres, ou achegarse con cita previa a calquera das oficinas do IGCC nas sete principais cidades de Galicia.

 

Os consumidores tamén poden enviar as súas dúbidas por correo electrónico ou a través dun formulario que atoparán na web do organismo.

Imaxes relacionadas