A Xunta salienta que a execución do Plan Rehavita 2015-2020 acadou o 130% das actuacións previstas en materia de vivenda

O Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda proxectaba un total de 50.550 actuacións e finalmente realizáronse 65.565

Os fondos destinados ás medidas contempladas ascendían a 306,93 millóns de euros, pero ao termo investíronse 324,54 millóns
 

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022

O Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 (Plan RehaVita) acadou unha execución do 129,70% en canto a actuacións previstas.

Esta foi unha das conclusións que trasladou esta mañá o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, na sua intervención —a petición propia— no Parlamento de Galicia, onde explicou o cumprimento de dito plan, un obxectivo que tamén se visualiza tendo en conta que se executaron un 105,73% dos fondos destinados ás medidas contempladas.

O RehaVIta foi o primeiro plan de vivenda elaborado pola Xunta de Galicia e no que se definiron os obxectivos na materia para un período de cinco anos, de 2015 a 2020.

No seu conxunto, o plan fixou nas súas previsións iniciais a execución dun total de 50.550 actuacións en materia de vivenda e solo residencial. Non obstante, ao termo da vixencia do mesmo, as actuacións realizadas acadaron as 65.565, o que significa preto dun 30% máis das previstas.

Ao mesmo tempo, o plan prevía o emprego de 306,93 millóns de euros para conseguir os seus obxectivos. O balance do plan reflicte que se empregaron 324,54 millóns, o que significa preto dun 6% máis do que estaba previsto.

O director xeral salientou, ademais, a capacidade da Xunta para adaptarse ás novas necesidades xurdidas no período de execución do plan, coa creación de liñas de traballo e axudas que, sen estar previstas no plan, deron resposta a esas novas demandas.

O Plan RehaVita estaba estruturado en catro eixos —acceso á vivenda, rehabilitación de vivendas e renovación urbana, prevención da exclusión residencial e outras medidas en materia de vivenda— que á súa vez incluían diferentes programas e accións a través das cales acadar os obxectivos previstos.

No balance do plan realizado pola Xunta destaca tamén especialmente o cumprimento dos obxectivos referidos á rehabilitación de vivendas —preto do 164%— e de acceso á vivenda —preto do 131%—.

O director xeral do IGVS indicou que o camiño tomado é correcto, como proba o feito de que o Goberno central incorporase ao Plan estatal de vivenda 2022-2025 axudas semellantes ás que a Xunta leva anos aplicando.

Rematado o Plan RehaVita en 2020, actualmente está en vigor o Pacto social pola vivenda de Galicia —aprobado por unanimidade polo Observatorio da Vivenda de Galicia, que reúne a todos os organismos e colectivos que representan ao sector da vivenda na Comunidade—, sendo a primeira vez que as liñas estratéxicas da política de vivenda para os próximos anos se consensúa co sector e os consumidores.

O Pacto é un documento flexible, que establece as liñas básicas das actuacións en materia de vivenda previstas para o período 2021-2025, pero con capacidade de adaptación ás situacións específicas que se produzan en cada momento. O pacto prevé o investimento de arredor de 433 millóns de euros cun total de 70.000 actuacións.
 

Imaxes relacionadas