Unha vez adaptadas as instalacións á nova normativa

O delegado territorial da Xunta visita a área termal de barbantes co gallo da súa apertura

O delegado territorial significou que ‘esta normativa supón un instrumento necesario para pór en valor e á disposición dos usuarios, nas mellores condicións hixiénico sanitarias, este recurso natural na que a nosa provincia é unha potencia mundial’

Gabriel Alén sinalou que con iniciativas coma esta corrobórase que Galicia é un destino turístico sustentable, que ten nos seus recursos naturais un dos seus principais atractivos, e contribúese a afianzar a provincia como capital termal da Comunidade
 

Ourense, 12 de abril de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá, acompañado do alcalde, José Manuel Rodríguez, ás termas da área recreativa de Barbantes, no concello de Cenlle, co gallo da súa apertura, prevista para mañá mércores, para desfrute de veciños e visitantes.

O delegado territorial puido comprobar a adecuación das instalacións aos requirimentos da Lei de aproveitamento lúdico de augas termais, coa que Galicia foi pioneira en España, concibida para dotar dun impulso e un crecemento ordenado e seguro deste sector, tendo en conta que nos últimos anos a demanda deste tipo de turismo xerou a proliferación de proxectos turísticos relacionados con augas termais sen finalidade terapéutica, senón lúdica.

Gabriel Alén significou que “esta normativa supón un instrumento necesario para pór en valor e á disposición dos usuarios, nas mellores condicións hixiénico sanitarias, este recurso natural na que a nosa provincia é unha potencia mundial”; que en palabras de Gabriel Alén “vai ser tamén un revulsivo para o turismo e a dinamización económica dos concellos”.

As actuacións, desenvolvidas ao abeiro da nova liña de axudas para a mellora dos espazos termais de uso recreativo, impulsadas pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación con 1M€, contemplaban o 80% do importe das actuacións destinadas á adquisición e instalación de caudalímetros; sistemas de bombeo ou equipos de medición; colocación de sinais; obras de acometida e canalización de auga; mellora dos espazos verdes e das zonas de lecer; actuacións en vestiarios; ou á construción de peches perimetrais ou proxectos de accesibilidade e seguridade.

Deste xeito -sinalou o Delegado territorial- con iniciativas coma esta corrobórase que Galicia é un destino turístico sustentable, que ten nos seus recursos naturais un dos seus principais atractivos, e contribúese a afianzar a provincia como capital termal da Comunidade.

Neste sentido, Galicia é a maior potencia termal de España e unha das principais rexións europeas en termalismo, con 300 captacións de augas mineromedicinais (das 2.000 que existen en España), con 21 balnearios, dos que 7 contan coa Q de Calidade Turística, e con 3 centros de talasoterapia. Ademais, a maior concentración de augas termais de Galicia localízase nas comarcas de Ourense, O Carballiño e O Ribeiro.

Imaxes relacionadas