A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe esta actuación prevista na estrada AC-305, que comezará no mes de setembro e que ten un prazo de execución de 6 meses

Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da senda que conectará A Casilla, O Araño e Burés, que estará á disposición dos veciños de Rianxo na primavera de 2023 logo dun investimento de máis de 500.000 €

Construiranse dous treitos de senda na marxe dereita da estrada, configurando un itinerario total de 1,3 km para facilitar un tránsito peonil seguro pola beira da vía e para mellorar o acceso ás paradas de transporte público

O primeiro treito terá unha lonxitude de 820 metros e transcorrerá entre o núcleo de Burés e o lugar de Xens, mentres que e o segundo estenderase ao longo de 510 m entre Contrés e A Casilla

As empresas interesadas nas obras teñen ata o 9 de maio para presentar as súas ofertas

Esta intervención complementarase cunha actuación adicional na outra marxe da estrada

Vázquez Mourelle destaca os investimentos da Xunta en Rianxo, onde actualmente están en execución as obras de mellora do saneamento e ampliación da depuradora, cun orzamento de 14 M€ en apoio ao Concello nas súas competencias

Avanza que este mesmo ano se porá en marcha a 2ª fase da ampliación da depuradora e nas vindeiras semanas rematarán as obras do colector interceptor e o tanque de tormentas

Rianxo (A Coruña), 12 de abril de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras da senda que conectará, a través da estrada AC-305, A Casilla, O Araño e Burés, que os veciños de Rianxo terán á súa disposición na primavera de 2023 logo dun investimento de máis de 500.000 euros.

Vázquez Mourelle presentou hoxe as actuacións previstas nesta vía autonómica, situada na aldea de Foxacos, sinalando que o obxectivo é mellorar a seguridade viaria na AC-305, habilitando sendas peonís que favorezan a mobilidade a pé dos veciños.

A conselleira apuntou ao obxectivo de iniciar as obras no mes de setembro, cun prazo de execución de 6 meses. Os actos expropiatorios están xa convocados, en concreto, para finais desde mesmo mes: o día 29 de abril será o levantamento de actas previas e o 18 xullo se celebrarán as actas de ocupación.
Segundo indicou Ethel Vázquez, a Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle desde hoxe a licitación das obras, establecendo un prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas nestes traballos ata o vindeiro 9 de maio. Esta actuación de mellora da seguridade viaria contará con financiamento dos fondos React UE da Unión Europea.
A conselleira subliñou a importancia desta actuación, posto que na contorna hai dous treitos de estrada que carecen de espazo para permitir un tránsito peonil seguro e teñen vivendas nas súas marxes. Por iso, apuntou, a Xunta promove estas obras, que favorecerán os desprazamentos seguros a pé e garantirán, tamén, un mellor acceso ás paradas de transporte público.

Os novos itinerarios executaranse pola marxe dereita da estrada, habilitando, en total algo máis de 1,3 km de senda. Tomando como referencia a liña do bordo actual da estrada, ampliarase ou reducirase a beiravía para igualala ata os 50 centímetros en toda a actuación. A partir de aí, segundo explicou, ampliarase a plataforma ata acadar unha senda de 2 metros de ancho, e incluso nalgún treito, tamén disporá de rígola e bordo de formigón.

Segundo detallou, o novo itinerario desenvolverase en dous tramos, para ofrecer continuidade aos desprazamentos peonís. Así, o primeiro partirá do núcleo de Burés, a continuación da beirarrúa actual, e finalizará no lugar dos Xens, onde conectará coa senda existente. Son, en total, uns 820 metros de senda. O segundo treito de itinerario, de 510 metros, comezará en Contrés e finalizará na Casilla, dando continuidade ao itinerario actual.

O firme da senda será en formigón armado e baixo el disporase unha base de solo seleccionado, prevéndose tamén a execución de colectores para recoller e dirixir as augas pluviais.

Os traballos completaranse coa instalación para as redes de telecomunicacións e coa semente dos taludes e desmontes, como medida de rexeneración ambiental. Ademais, colocaranse varandas de protección dos peóns en distintas zonas e a sinalización precisa.

Xunto con isto, a conselleira avanzou que, de forma complementaria, a Xunta executará unha actuación adicional na outra marxe desta mesma estrada.

Ethel Vázquez salientou que este novo investimento da Xunta en Rianxo se vén sumar ao que está agora mesmo en execución para a mellora do saneamento e depuración das augas residuais do municipio, cun orzamento total de 14 M€ para apoiar ao Concello nas súas competencias.

Sinalou que a finais de 2021 se puxo en marcha a 1ª fase de ampliación da depuradora, quedando pendente o desmonte da planta actual para a posta en marcha completa da depuradora, que segundo adiantou a conselleira, está previsto completar este mesmo ano.

Tamén avanzou que se agarda estean listas en cuestións de semanas as obras do colector interceptor e do tanque de tormentas, que están practicamente finalizadas, só faltan remates.

Imaxes relacionadas