A Xunta de Galicia duplicará a superficie do centro de saúde de Moraña para dotalo de novos espazos

O conselleiro de Sanidade e o alcalde asinaron un protocolo para executar esta ampliación con encaixe no urbanismo municipal

O novo inmoble permitirá incorporar unha consulta de medicina, salas de técnicas e polivalente e consulta de docencia

A Xunta ofertará unha praza vacante de médico neste centro na convocatoria que realizará este ano mediante concurso de méritos

Moraña (Pontevedra), 12 de abril de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou hoxe, na súa visita ao concello de Moraña, que a Xunta de Galicia vai ampliar a superficie do centro de saúde desta localidade, que pasará dos preto de 400 m2 que conta na actualidade, ao redor de 1.000. A tal efecto, o titular da carteira sanitaria e o alcalde, Jose Cela Camiño, asinaron un convenio de colaboración para a execución das obras.

Esta ampliación permitirá incorporar unha nova consulta de medicina xeral e unha nova consulta de docencia para os residentes que pasen por este centro. A ampliación, -dixo o conselleiro-, tamén permitirá a creación dunha sala polivalente e outra de técnicas, o que posibilitará realizar illamentos de persoas que cheguen ao centro con afeccións respiratorias, ademais de ter un maior espazo para a realización de probas que este centro ten capacidade de asumir por si só.

Tal e como sinalou García Comesaña, os técnicos do Sergas reuníronse cos do concello e decidiron a convenciencia de ampliar o actual centro en planta baixa, para evitar molestias aos usuarios durante as obras, como sucedería no caso de facer a ampliación edificando un segundo andar.

Esta ampliación nun só andar necesita do movemento de dúas rúas contempladas no urbanismo e que afectan a actual parcela, por iso o alcalde e o conselleiro asinaron hoxe un protocolo no que o concello se compromete a modificar o plan urbanístico e a Xunta se compromete a realizar a obra en canto o urbanismo vixente o permita.

Segundo indicou o conselleiro, o Sergas ten 220.000 euros reservados nos presupostos deste ano para iniciar a obra, e mediante a sinatura de hoxe o Goberno galego comprométese a blindar esta partida presupostaria ata o momento no que o concello remate os trámites, co cal garántese que a ampliación se vai executar e, ademais, coas dimensións previstas.

Incremento de persoal, e melloras en equipamento e infraestruturas

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego anunciou na súa visita que, na oferta pública de emprego que vén de realizar a Xunta para cubrir 106 prazas vacantes en medicina de primaria por medio dun concurso de méritos, incluirase a praza de médico vacante en Moraña, co que o conselleiro agarda que, grazas a esta medida, nos vindeiros meses se poida incorporar a este servizo un médico con praza en propiedade.

García Comesaña incidiu que o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, posto en marcha pola Xunta para reformar o primeiro nivel asistencial, destinou oito millóns de euros a dotar de novo equipamento aos centros de saúde. En concreto, o centro de saúde de Moraña equipouse cun electrocadiógrafo, un desfibrilador, un hólter de presión arterial ou un espirómetro.

Ademais, o pasado ano, a área sanitaria de Pontevedra investiu máis de 300.000 euros en obras menores e reparacións nos seus centros, entre eles, máis de 4.000 euros no centro de saúde de Moraña, para renovar as ramplas interiores, eliminar as reixas das ventás e facer un pintado interior.

Segundo subliñou o conselleiro, con esta sinatura a Xunta segue a impulsar a renovación integral da atención primaria en Galicia, compromiso que o Goberno galego mantén intacto dende hai 12 anos, nos que construíu ou reformou 98 centros, que ademais dos catro que están en construción, suman un investimento de 120 millóns de euros. Para este ano, os fondos para investimentos no primeiro nivel asistencial superan os 34 millóns.

En concreto, nesta área sanitaria, o responsable do Sergas dixo que a Xunta xa licitou o proxecto para o novo centro de saúde de Vilagarcía; e xa está a tramitar o convenio co concello de Soutomaior para comezar o proxecto do seu novo centro en canto remate de expropiar os terreos. Ademais, segue a agardar por unha proposta definitiva de parcela viable por parte dos concellos de Caldas, O Grove e Poio.

Para rematar a súa intervención no acto, no que tamén estivo presente o xerente da área sanitaria de Pontevedra, José Ramón Gómez, o conselleiro incidiu en que esta é a lexislatura da grande reforma da atención primaria en persoal, equipamento e infraestruturas, e Moraña vai ser un dos primeiros concellos nos que esta renovación poida comezar a verse e a sentirse.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidad