A Xunta traslada ao concello de Poio a súa vontade de construír un novo centro de saúde con áreas de fisioterapia e saúde bucodental

O conselleiro de Sanidade reuniuse con representantes do goberno municipal de Poio para reiterarlles a solicitude dunha parcela viable para esta construción

O Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria contempla na súa fase 1 a construción dun novo centro de saúde en Poio de case 2.300 m2

Pontevedra, 12 de abril de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra co alcalde de Poio, Luciano Sobral, para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.
Na xuntanza, á que asistiron o xerente da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, José Ramón Gómez, e representantes dos tres grupos políticos que conforman o goberno municipal de Poio, a Xunta reiterou aos representantes municipais a necesidade de que o Concello de Poio poña a disposición da Xunta unha parcela viable dentro do municipio para a construción do novo centro de saúde deste concello. Xa en dúas cartas remitidas ao alcalde de Poio en novembro de 2021 e marzo de 2022, o conselleiro viña reiterando a solicitude dunha parcela coa edificabilidade suficiente para poder desenvolver este novo centro de saúde e ampliar a prestacións sanitarias da veciñanza de Poio.
O conselleiro de Sanidade lembrou que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, contempla na súa fase 1 a construción dun novo centro de saúde en Poio cun espazo estimado de 2.289 m2.
Esta superficie responde á vontade do goberno galego de que o novo centro inclúa novos espazos non existentes ata o momento nas infraestruturas sanitarias do concello como unha área de fisioterapia, con consulta e ximnasio, ou unha área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental, así como un despacho para traballo social. Por outra banda, búscase construír un centro con capacidade suficiente para dar servizo aos pacientes que actualmente teñen a súa asistencia sanitaria nos centros de Anafáns, Combarro e Raxó e que poderán adscribirse ao novo centro.
O incremento da superficie permitirá que o novo centro conte con sala polivalente, sala de técnicas, consulta de docencia, despacho de coordinación ou salas de estar e de xuntas para os profesionais, espazos que non existen nos centros actuais.
O conselleiro agradeceu a receptividade amosada polos representantes municipais ante esta proposta e comprometeu o apoio do persoal técnico do Sergas aos servizos técnicos municipais na definición dos criterios para o proceso de adquisición da parcela.

Imaxes relacionadas