A Xunta destaca que as boas perspectivas para a Semana Santa colocan a Galicia no liderado da recuperación turística da man do Xacobeo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo esta mañá un tramo do Camiño Primitivo dende Baleira ata Lugo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destaca as boas expectativas e subliña que son “un magnífico sinal” para a temporada turística galega, “con cifras prepandemia ou incluso mellores”

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, fixo esta mañá un tramo do Camiño Primitivo, concretamente dende Baleira ata Lugo, onde indicou que as boas perspectivas para a Semana Santa colocan a Galicia no liderado da recuperación turística da man do Xacobeo
Alfonso Rueda iniciou o percorrido do Camiño Primitivo en Baleira onde fixo fincapé en que “arranca a Semana Santa cunhas previsións magníficas e o mellor xeito de festexalo e facendo o Camiño, que xa fixen o Camiño moitas veces e nesta ocasión decantámonos polo Camiño Primitivo porque podemos dicir que é a orixe de todo, xa que foi o lugar que escolleu o rei Afonso II O Casto para peregrinar a Santiago desde Oviedo, polo que é a primeira ruta documentada”
Nesta Semana Santa, a comunidade galega prevé boa afluencia turística xa que as previsións de ocupación oscila entre o 60% e o 80%, con territorios que agardan acadar ocupacións maiores como poden ser Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, polas celebracións vencelladas á Semana Santa, e a Ribeira Sacra e Ourense. A meteoroloxía, as viaxes de proximidade e as reservas de última hora marcarán as ocupacións finais
O ritmo de chegada de peregrinos que se detecta nas últimas semanas apunta a unha Semana Santa boa para o sector, xa que están chegando uns 1.000 peregrinos diarios, e todo parece indicar que se poden acadar cifras prepandemia ou incluso mellores, cifras case históricas. De feito, só na primeira semana do mes de abril chegaron a Santiago case 4000 peregrinos, máis dos que se chegaron en todo o mes de xaneiro e febreiro e tres veces máis dos que chegaron no mesmo período o ano pasado.
Estas boas perspectivas son un magnífico sinal para a temporada turística galega, animada polo Xacobeo e polas ganas de estar nun entorno non masificado, ao aire libre, en contacto coa natureza, e todo iso é o que ofrece Galicia: un destino seguro. Demostran que Galicia está de moda e que o Xacobeo fará historia, precisou Alfonso Rueda.

Imaxes relacionadas