O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na Comisión interautonómica de Familia e Infancia

A Xunta de Galicia pide ao Goberno central que estableza criterios homoxéneos sobre as medidas de protección para os menores procedentes de Ucraína

O Goberno galego tamén instou á Administración estatal a facilitar previsións de chegada das nenas, nenos e adolescentes non acompañados que cheguen do país a causa da guerra iniciada por Rusia

Á reunión de coordinación asistiron representantes das comunidades autónomas e dos ministerios de Dereitos Sociais e de Xustiza

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

A Xunta de Galicia pediu ao Goberno central que estableza criterios claros e homoxéneos sobre as medidas de protección que deben aplicar as comunidades autonómicas de cara a garantir o benestar dos menores procedentes de Ucraína. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, trasladou esta solicitude durante a Comisión interautonómica de Familia e Infancia celebrada esta mañá por videoconferencia.

Á xuntanza de coordinación sobre a atención de menores provinte deste país asistiron representantes das comunidades autónomas, así como dos ministerios de Dereitos Sociais e de Xustiza. Durante o encontro, Rey Sastre instou, así mesmo, ao Executivo central a facilitar información acerca da previsión de chegada dos menores non acompañados que proveñan de Ucraína.

Información e coordinación

A información e a coordinación son claves, sinalou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, para que as comunidades autónomas poidan exercer as súas competencias en materia de protección de menores, xa que a ausencia de procedementos uniformes poden desembocar en diferenzas de criterios entre os diferentes Gobernos autonómicos.

Os representantes das comunidades autónomas manterán a vindeira semana un novo encontro cos dos diferentes departamentos do Goberno central implicados na coordinación deste dispositivo, no que esperan avanzar cara un protocolo homoxéneo de protección aos menores procedentes de Ucraína.

Imaxes relacionadas