A Xunta retoma as obras de rehabilitación e posta en valor da Ponte Nafonso, na estrada AC-196, entre os municipios de Noia e de Outes

No día de hoxe reiniciáronse os traballos de remate do pavimento da ponte para colocar a continuación o novo peitoril, cuxa nova configuración en pedra de cantería recibiu o visto bo de Patrimonio

O encaixe das canalizacións fixo necesario elevar o pavimento, o que impedía a integración estética da varanda metálica inicialmente proxectada

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

A Xunta retomou esta mañá os traballos de rehabilitación e posta en valor da ponte Nafonso, na estrada AC-196, entre os municipios de Noia e de Outes.

Os traballos reiniciáronse tras recibir, o pasado día 26 de marzo, o visto bo da Comisión de Patrimonio da provincia da Coruña ao novo proxecto modificado para Ponte Nafonso que recolle unha nova configuración do peitoril, e unha vez superado o paro do transporte, que impediu retomar as obras ata o de agora por falta de subministros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retoma estas obras, iniciadas o pasado mes de agosto, neste ben catalogado patrimonialmente e cuxa execución tivo que ser suspendida temporalmente polas necesidades de modificación xurdidas durante a execución dos traballos.

Deste xeito, as obras que se están a executar comezan polas tarefas de remate dos traballos do pavimento, para pasar a colocar, a continuación, o novo peitoril.

A necesidade do cambio no proxecto inicial xurdiu no transcurso dos traballos de levantamento do firme existente, cando se viu a necesidade de elevar o pavimento para encaixar as canalizacións, o que impediu a integración estética da varanda metálica inicialmente prevista. Esta circunstancia, sumada á decisión de limitar a velocidade futura sobre a ponte, levou a valorar tamén un cambio na solución proposta para o peitoril, optando por colocar un de pedra de cantería.

Os traballos que se están a realizar buscan o máximo coidado e teñen como obxectivo a posta en valor do patrimonio histórico e cultural que significa a ponte.

Os traballos

Máis concretamente, os traballos de posta en valor da Ponte Nafonso comprenden a modificación da rasante da ponte colocando unha nova imposta de 12 centímetros de altura e 30 cm de ancho sobre a xa existente. Tamén se substituirá o peitoril da ponte por un peitoril de pedra, similar aos existentes nos tallamares, como xa tiña antes das obras de ensanche dos anos 20 do século pasado.

Esta proposta do peitoril de pedra ten base histórica, acorde ao proxecto de ponte Nafonso documentado no século XVII. As obras tamén inclúen a adecuación da iluminación en base a un modelo de baliza encaixada no peitoril, sistema tamén usado en Ponte Sampaio, en Pontevedra.

As obras de rehabilitación e posta en valor do patrimonio histórico e cultural que significa a ponte Nafonso supoñen un investimento autonómico de máis de 700.000 euros.

Os traballos neste ben catalogado patrimonialmente, comprenden a substitución do pavimento e da varanda. Ademais, estase levando a cabo a limpeza dos paramentos exteriores co fin de mellorar o seu aspecto estético, eliminando os elementos danados da fachada da fábrica de pedra para mantela en bo estado de conservación.

Destaca, ademais, na intervención, as dúas actuacións proxectadas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia ponte, o que permitirá a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Ademais colocaranse paneis informativos e carteis de localización

Control das pontes e obras de paso

Esta intervención enmárcase no programa pioneiro de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, para preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas, con actuacións de conservación preventiva.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.

Imaxes relacionadas