A Xunta de Galicia financia a rehabilitación do Mercado de Moscoso en Pazos de Borbén

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias,e a directora Xeral de Administración Local, Natalia Prieto Viso, visitaron este luns as obras de recuperación da cuberta da antiga praza do mercado

“É unha actuación fundamental para o municipio, posto que era necesario tomar medidas nun espazo de encontro para a veciñanza e nun edificio de alto valor histórico, social e sentimental”, destacou Fernández-Tapias
 

Vigo, 11 de abril de 2022.- Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto Viso, e o alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, visitaron este luns a praza do Mercado de Moscoso, onde o Goberno galego financiou a mellora da eficiencia enerxética da antiga cuberta.
“Trátase dunha actuación fundamental para o municipio, posto que o mal estado da infraestrutura obrigaba a tomar medidas de forma inmediata nun espazo de encontro para a veciñanza”, destacou Fernández Tapias. Así, o convenio firmado entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e o Concello de Pazos de Borbén permitiu un investimento total de 48.398 euros para a recuperación do mercado.
Esta actuación realizouse ao abeiro da convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), a través do que a Xunta colabora cos concellos galegos para financiar os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio ambiente e do espazo natural. O orzamento da nova orde acada os 11,3 millóns de euros e, un ano máis, converterase nunha ferramenta fundamental para contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios da comunidade.
O acordo entre as administracións supuxo o financiamento íntegro por parte da Xunta co obxectivo de reformar un edificio de alto valor histórico, social e sentimental. O convenio foi asinado o pasado mes de novembro de 2021 e as obras xa está finalizadas.
A substitución da cuberta estivo motivada pola grave deterioración que sufriu durante o último inverno e que chegou a comprometer a seguridade da estrutura. Para evitar a súa posible caída e o colapso total do edificio, inutilizando ademais o resto de traballos de rehabilitación levados a cabo no interior do inmoble, o Concello solicitou a axuda urxente da Xunta de Galicia, que financia o 100% dos traballos.

 

Imaxes relacionadas