A Xunta licita a renovación do firme en oito treitos de seis estradas autonómicas de Pontevedra e O Salnés cun investimento de 1,3 M€

O delegado territorial, Luis López, informou da apertura deste proceso de contratación nunha visita á estrada PO-300, que vai ser mellorada en máis de oito quilómetros, xunto ao alcalde de Ribadumia, David Castro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto actuar na citada PO-300 ao seu paso por Meis, Cambados, Vilanova e Ribadumia, a PO-309 en Poio, a PO-312 e a PO-316 en dous treitos do Grove, a PO-308 en Sanxenxo e a PO-531 en Pontevedra

Ribadumia, 11 de abril de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, licitou na xornada de hoxe o proxecto de renovación e reforzo do firme de oito treitos pertencentes a seis estradas autonómicas das bisbarras de Terras de Pontevedra e O Salnés cun investimento de 1.302.948 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da apertura deste proceso de contratación nunha visita, no Concello de Ribadumia, á estrada PO-300 Mosteiro-Cambados, que vai ser mellorada en máis de oito quilómetros -a maior actuación no marco deste proxecto- ao seu paso polos termos de Meis, Cambados, Vilanova de Arousa e o propio de Ribadumia. No acto estivo acompañado polo alcalde, David Castro, e outras representantes municipais.

As empresas interesadas poden presentar ata o vindeiro 9 de maio as súas ofertas a este proxecto, que contempla o fresado, dotación de nova capa de rodadura e reposición de marcas viais e balizamento en oito treitos que suman 14,7 quilómetros de lonxitude e discorren por oito municipios pontevedreses.

En concreto, actuarase entre os puntos quilométricos 2+680 e 6+320 e, por outra banda, 6+790 e 11+720 da PO-300; 28+100 e 28+480 da PO-308 en Sanxenxo; 0 e 1+180 da PO-309 en Poio; 0 e 1+580 da PO-312 e 0 e 1+800 da PO-316, ambas no Concello do Grove; e finalmente nos treitos entre o 7+600 e 8+150 e 8+350 e 8+900 da PO-531 ao seu paso polo municipio de Pontevedra.
Ademais da reposición da firme, o proxecto tamén inclúe a mellora de interseccións nas estradas PO-300 e PO-309, o acondicionamento de acceso a outra estrada anexa na PO-300 e a instalación de dous pasos de peóns sobreelevados na PO-312 para reforzar a seguridade viaria.

“Hoxe avanzamos neste proxecto, de gran importancia para as bisbarras de Pontevedra e O Salnés, xa que favorecerá a circulación e reforzará a seguridade viaria de ata seis estradas, beneficiando de xeito directo aos máis de 162.000 habitantes destes oito concellos”, sinalou o representante autonómico, que concretou que as obras, que teñen un prazo de execución de seis meses, “comezarán na parte final do verán para non interferir no tráfico dunha zona tan turística”.

Imaxes relacionadas