A Xunta convoca axudas por máis 840.000 euros para entidades do ámbito dos trastornos mentais

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña vista a asociación Andaina Pro Saúde Mental en Ordes, beneficiaria destas axudas en 2021 e que atende de xeito integral ás persoas con trastorno mental e as súas familias

Ao abeiro do Plan de Saúde Mental de Galicia, o DOG publica hoxe por segundo ano consecutivo unha convocatoria de subvencións de máis de 800.000 € para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá as instalacións que a asociación Andaina Pro Saúde Mental, ten no concello coruñés de Ordes, onde puido coñecer a actividade que se leva a cabo no seu centro de rehabilitación psicosocial e laboral (CRPL).
Durante este percorrido, estivo acompañado polo alcalde do concello de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor López, e a xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Eloína Núñez Masid, e o coordinador da asociación Francisco Salvado Cutrín.
Andaina realizou en 2021 un programa integral para a mellora na detección e intervención en risco de suicidio nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar financiado cos 21.864 euros que Andaina recibiu en 2021 a través da convocatoria de axudas destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais.
O programa levouse a cabo nos concellos de Ordes, Tordoia, Trazo, Oroso, Mesía, Frades e Cerceda da provincia da Coruña e nos concellos de Pontecesures e Valga da provincia de Pontevedra e foi dirixido prioritariamente a profesionais do ámbito sociosanitario e estudantes universitarios de profesións sociosanitarias, dado que son considerados profesionais de primeira liña na detección e intervención con persoas e grupos con risco de suicidio.
Secundariamente, o programa tamén incluiu como beneficiarios a grupos vulnerables ante o risco de suicido como poden ser: persoas con trastorno mental, mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas en situación ou en risco de exclusión social.
Os obxectivos do programa son os de capacitar a profesionais do ámbito sociosanitario na detección e identificación do risco de suicidio, complementar a intervención en grupos vulnerables ante o risco de suicido,informar e sensibilizar a nivel social sobre a conduta suicida e a súa prevención.
O número de persoas beneficiarias no ano 2021 foi de 288 (240 mulleres e 48 homes). Destes, 104 mulleres e 26 homes participaron nas actividades de capacitación a profesionais sociosanitarios, 21 mulleres e 2 homes resultaron beneficiarios na liña de intervención con persoas vulnerables e 115 mulleres e 20 homes participaron das actividades de información e sensibilización.
En concreto, Andaina foi a entidade mellor puntuada na liña de “Programas de prevención de suicidio en poboación xeral, trastornos mentais e adictivos”, unha novidade do ano pasado que responde a unha das prioridades marcadas polo Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024.
Precisamente neste sentido, o desenvolvemento do Plan ten levado á extensión dos programas de prevención do suicidio, que ata 2020 só existían na área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras e que se ten xeneralizado ao longo de 2021 coa contratación de máis de 15 profesionais. O obxectivo do Plan é rematar a súa implantación nas sete áreas neste ano 2022 coa posta en funcionamento do programa de prevención do suicidio da área sanitaria de Santiago e Barbanza.
Así mesmo, entre os programas postos en marcha a través da contratación de máis de 100 novos profesionais ao abeiro do Plan de Saúde Mental de Galicia destacan a nova unidade de psicoxeriatría en Ourense, os hospitais de día infanto xuvenís de Vigo, Santiago e Ourense ou a creación de cinco novas unidades ambulatorias con dúas infanto-xuvenís na Coruña e Vigo e tres de adultos en Oleiros, Tui e Ordes.
Xunto ao anterior, ampliouse o persoal de hospitalización a domicilio de saúde mental en Santiago, Pontevedra e Ourense, o que implica maior cobertura territorial e horaria.
A relevancia que a Xunta de Galicia dá á implantación deste Plan quedou de relevo en que, nos Acordos de Xestión que o Servizo Galego de Saúde asinou no mes de marzo coas sete áreas sanitarias recóllense, por primeira vez, os indicadores e obxectivos de cumprimento do Plan de Saúde Mental.

Convocatoria de axudas para programas no ámbito dos trastornos mentais

Xunto ao anteriormente sinalado, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para este ano 2022 das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais, dos que a asociación Andaina foi beneficiaria na última convocatoria.
Para esta convocatoria, destinada ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, a Xunta de Galicia investirá un total de 841.177 euros. Por segundo ano consecutivo, tras a aprobación do Plan de Saúde Mental de Galicia, o Executivo galego convoca axudas de máis de 800.000 euros para financiar ás entidades sociais deste sector.
Nesta ocasión, a Xunta de Galicia adianta en tres meses a convocatoria respecto da do ano pasado, para facilitar a execución dos fondos por parte das entidades. Ademais, anticipará as entidades beneficiarias o 100% da subvención no momento da notificación da concesión, sendo a xustificación posterior a realización das actividades.
O investimento nesta convocatoria de axudas forma parte do orzamento de 83 millóns de euros do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19, cuxo obxectivo principal é realizar accións que melloren a asistencia dos trastornos mentais, así como diminuír o impacto destas doenzas, tanto nas persoas que as sofren, como nos seus achegados.

Asociación Andaina Pro Saúde Mental

Andaina Pro Saúde Mental nace no 2010 ante a necesidade de atender, dun xeito integral, ás persoas con trastorno mental e as súas familias pertencentes aos concellos rurais da Área Sanitaria de Santiago de Compostela.
Máis alá do programa de prevención do suicidio, a asociación Andaina atende de xeito integral ás persoas con trastorno mental e as súas familias pertencentes aos concellos rurais da área sanitaria santiaguesa, mediante a rehabilitación dende un enfoque psicosocial, a promoción da integración social e laboral e o apoio ás familias, fundamentalmente.
A Xunta de Galicia concerta 15 prazas no CRPL situado en Ordes e outras 15 noutro centro da mesma asociación situado en Dodro. Forman parte, por tanto, da máis de 1.200 prazas concertadas con entidades de saúde mental para as que os orzamentos da Xunta para 2022 reservan 8,1 millóns de euros, un 30% máis con respecto a 2020, data de inicio do Plan de Saúde Mental de Galicia.

Imaxes relacionadas