Aberto o prazo para a incorporación de novos centros ao modelo de ensino plurilingüe para o vindeiro curso

Teñen ata o 30 de abril para solicitar implantar este modelo nas etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

A iniciativa, de carácter voluntario e aberta a todos os centros sostidos con fondos públicos, chega xa a 465 centros escolares, que contan co apoio de 628 auxiliares de conversa nativos

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo para a incorporación de novos centros escolares ao modelo de ensino plurilingüe no vindeiro curso 2022-23, tanto na Rede de centros plurilingües (Primaria e Secundaria) como na etapa de Infantil (Plurinfantil) e Bacharelato (Pluribach).

Os centros interesados en sumarse a este programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao abeiro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (Edulingüe 2030) e de carácter voluntario e aberto a todos os centros sostidos con fondos públicos teñen de prazo ata o 30 de abril para remitir as súas solicitudes.

Logo de máis dunha década de implantación, este modelo de potenciación de linguas estranxeiras no sistema educativo galego -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- tense afianzado tanto desde o punto de vista cuantitativo como cualitativo e acada os 100.000 alumnos beneficiados fronte aos 12.500 que con seccións bilingües no curso 2008/09.

O modelo de ensino plurilingüe en Galicia arrancou no curso 2010-11 con 58 centros plurilingües e hoxe acada os 465 centros. Para dar apoio a estes centros, a Consellería pon ao servizo da comunidade educativa un total de 628 auxiliares de conversa neste ano académico, o que significa multiplicar por dez os do ano 2008.

A isto engádese o nivel de recoñecemento do alumnado a través dos bos resultados obtidos nas probas de certificación e do grao de satisfacción amosado polos docentes, xa que case o 99% dos profesores coordinadores deste programa manifestan estar moi satisfeitos cos resultados acadados.

Etapas de Primaria e Secundaria

Os centros escolares que opten a formar parte da Rede de Centros Plurilingües nas etapas de Primaria e Secundaria deberán presentar un proxecto plurilingüe para o primeiro curso da etapa así como unha planificación para os seguintes anos académicos. Cómpre lembrar que a implantación do plurilingüismo nestas etapas esixe dunha continuidade progresiva, isto é que se un centro opta por implantar o programa en 1º de Primaria no curso 2022-2023, no seguinte ten que asegurar a extensión dese proxecto a 2º de Primaria e así sucesivamente ata completar a etapa.

No mencionado proxecto deberá constar a lingua estranxeira escollida, así como a relación de áreas ou materias que se impartirán en dita lingua, e a relación de profesorado encargado da docencia xunto coa acreditación da competencia lingüística para facelo, entre outros factores.

Plurilingüismo en Bacharelato

O Pluribach ten como finalidade promover no alumnado unha preparación máis completa e especializada no idioma obxecto do programa, así como un achegamento máis específico ás diferentes materias que compoñen o currículo.

Deste xeito, o alumnado cursará materias curriculares, ata un terzo do seu horario, no idioma estranxeiro, así como unha materia extracurricular, en 1º e 2º curso, cunha carga horaria lectiva semanal de dúas ou tres horas. O horario, en lugar de 32 períodos lectivos, pasa a ser de 34 ou 35. Ademais, contará con actividades complementarias de formación organizadas polo centro, como charlas, obradoiros ou proxectos cunha duración estipulada, ao longo dos dous cursos, de 40 horas. Así mesmo, os centros educativos contarán con auxiliares de conversa para levar a cabo o programa. O obxectivo é que os mozos e mozas dispoñan de formación específica para poder chegar a certificar o nivel B2 ao remate da etapa, ben a través das Escolas Oficiais de Idiomas ou das entidades certificadoras acreditadas.

En canto ao profesorado que imparta áreas ou materias non lingüísticas en lingua estranxeira, deberá ser especialista da materia que vaia impartir en lingua estranxeira, ou estar en posesión da habilitación correspondente. Ademais, deberá acreditar, cando menos, un nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

Plurilingüismo en Educación Infantil

No que atinxe á implantanción do modelo plurilingüe no segundo ciclo de educación Infantil, o alumnado cursará áreas curriculares, ata un terzo do seu horario, no idioma estranxeiro, cun enfoque lúdico e partindo do traballo en grupo. Os centros que se incorporen a este programa disporán do apoio de auxiliares de conversa. O profesorado que imparta as áreas non lingüísticas en lingua estranxeira debe ter como mínimo o nivel B2 ou equivalente nesta lingua. Todo o profesorado implicado nestes programas contará con plans específicos de formación no centro.

Imaxes relacionadas