Preto de 1.200 escolares coñecen ata xuño o museo do Castro de Viladonga a través do seu programa de visitas didácticas

Nesta iniciativa da Xunta participan máis de 20 centros educativos de Infantil, Primaria e Secundaria, que desenvolven percorridos guiados polo xacemento e o espazo museístico complementados con obradoiros de tecidos, olaría, numismática ou arqueoloxía

Castro de Rei (Lugo), 11 de abril de 2022

Preto de 1.200 escolares de 24 centros de ensino de Infantil, Primaria e Secundaria participan ao longo deste semestre no programa de actividades didácticas deseñado polo Museo Castro de Viladonga, situado en Castro de Rei. A iniciativa impulsada pola Xunta inclúe visitas guiadas ao castro e ao museo, con apoio de fichas didácticas adaptadas aos distintos niveis educativos.

O percorrido polo xacemento e as salas, nas que se afonda nos traballos arqueolóxicos, na contorna e na cultura castrexa e galaico-romana, complétase cunha oferta variada de obradoiros. Así, o alumnado pode achegarse aos tecidos e descubrir a técnica de elaboración de teas e o funcionamento dos teares verticais dos que hai constancia no período da romanización.

Outras das propostas afondan na olaría, coa elaboración de pezas de barro a man para introducirse de xeito activo na cerámica castrexa, e na numismática, co coñecemento do proceso de cuñaxe dunha moeda. Por outra banda, co taller de arqueoloxía os escolares elaboran un caderno de campo no que, a través de diversas actividades, van descubrindo os usos e funcionalidades das distintas estruturas do castro.

Diversidade de espectáculos en maio

Estas accións didácticas enmárcanse na programación deseñada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no Museo Castro de Viladonga para este primeiro semestre do ano. A maiores da oferta específica para centros educativos, o espazo ten previstas en maio actividades para todos os públicos. Por unha banda, celebrarase o Día das Letras Galegas cunha lectura dramatizada a cargo da xornalista e escritora Tania Fernández Lombao e coa actuación musical do grupo Leña Verde. A maiores, no marco do Día Internacional dos Museos e da Noite nos museos, nas xornadas do 18 e do 21 de maio, haberá diferentes espectáculos, xogos tradicionais e concertos.

Imaxes relacionadas