A Xunta destina máis de 60.000 € ás axudas para as asociacións de nais e pais de centros de educación especial

Poderán sufragar as súas actividades, gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 4 de maio

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar a convocatoria de axudas para financiar actividades das confederacións, federacións e asociacións de nais e pais de alumnado de centros de Educación Especial para este ano 2022, ás que destina 60.271 €, contía que pode ampliarse, tal e como se recolle na propia convocatoria, coas transferencias que se reciban do Ministerio de Educación y Formación Profesional.

As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

As entidades interesadas poderán solicitar a axuda ata o vindeiro 2 de maio e deberán facelo obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

Con esta convocatoria a Consellería de Cultura, Educación e Universidade reafirma o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, en especial cos centros de Educación Especial, que desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento do alumnado con necesidades específicas.