A Xunta recibe 7 ofertas de empresas para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga cun investimento de 970.000 €

A finais do verán iniciaranse os traballos, que contan cun prazo de execución de 12 meses e permitirán actuar sobre 2 km da vía e eliminar un treito de concentración de accidentes

Renovaranse 5 interseccións no treito da PO-504 que transcorre entre o lugar do Vinquiño e o inicio da parroquia de San Tomé de Gondar, coa construción dunha glorieta no cruce co Camiño ao Santo

Habilitaranse cuñas de cambio de velocidade nas interseccións con outros viarios e incluiranse melloras nos pasos de peóns e nas paradas de autobús

Esta actuación complementarase coa renovación das beirarrúas nese mesmo ámbito para mellorar a seguridade dos peóns, obra que acaba de ser licitada por preto de 223.000 €

Estas dúas intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez acometerase de xeito simultáneo, superando en total 1 M€ de investimento nesta vía autonómica
 

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2022

A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga, que suporán un investimento de 970.000 euros.

Trátase de actuar ao longo de 2 quilómetros desta vía autonómica co fin de eliminar un treito de concentración de accidentes ao seu paso polo municipio de Sanxenxo. O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é iniciar as obras a finais do verán. Os traballos contan cun prazo de execución de doce meses.

A intervención prevé a renovación de cinco interseccións na PO-504, entre os puntos quilométricos 0+940, no lugar do Vinquiño, e o 3, ao inicio da parroquia de San Tomé de Gondar.

Entre as principais intervencións que se van executar inclúese a construción dunha glorieta na intersección co Camiño ao Santo, que ademais de ordenar os propios movementos das vías coas que entronca, permitirá o cambio de sentido dos vehículos.

Como resultado das achegas recibidas durante o proceso de información pública, acordouse eliminar a actuación proposta inicialmente dunha nova glorieta no punto quilométrico 2+270.

A actuación prevé, tamén, a execución de novas beirarrúas nos treitos de mellora das interseccións, a adecuación da drenaxe existente ao novo deseño e a reposición dos servizos e sumidoiros afectados. Tamén se mellorarán as paradas de autobús e redeseñarase a sinalización horizontal e vertical de todo o treito.

En paralelo a esta obra, a Xunta licitou este xoves, día 7 de abril, as obras de acondicionamento das beirarrúas neste ámbito da estrada PO-504, de modo que a esta mellora da seguridade viaria se lle suma tamén a mellora da accesibilidade peonil, cun investimento adicional de preto de 223.000 euros. A actuación prevé distintas intervencións encamiñadas a mellorar a mobilidade a pé e a seguridade viaria ao longo da estrada PO-504, entre os puntos quilométricos 0+680 e 4+450.

Estas dúas intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez acometerase de xeito simultáneo, superando en total 1 M€ de investimento nesta vía autonómica.